O Concello abre a inscrición na oferta de actividades deportivas de verán OcioSol

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da apertura do prazo de inscrición na oferta de actividades deportivas de verán OcioSol 2020. Son as seguintes: tenis, atletismo, xogos deportivos e tiro con arco para nenas e nenos, e ximnasia de mantenemento e tiro con arco para persoas adultas. Ademais, o custe das actividades ao mes oscila entre os 7,37 e os 22,12 euros segundo a idade do/a participante e o número de horas, e arrancarán a próxima semana.
 
O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que dada a situación actual da nova normalidade tódalas actividades serán ao aire libre para poder garantir a distancia mínima de seguridade. Os emprazamentos, segundo a actividade, serán a pista exterior da Frouxeira; o campo de fútbol de Atios; a praza exterior da Casa da Cultura e o paseo da Frouxeira. Así mesmo, e no caso de que as circunstancias meteorolóxicas sexan adversas e non se poida realizar a actividade con seguridade, anularanse nesas xornadas. Tódolos/as monitores/as cumprirán as medidas de seguridade e o Concello desinfectará os lugares onde se practiquen as actividades.
 
A inscrición pode formalizarse por correo electrónico -deportes@concellodevaldovino.com- ou na casa consistorial -entrega e recollida de documentación-. Deberá entregarse a ficha de inscrición -que pode descargarse da web municipal) e fotocopia do DNI do alumno ou alumna -ou Libro de Familia-. Así mesmo, as persoas que xa participaran da programación o pasado verán ou neste curso 2019/20, só terán que enviar unha mensaxe ao whatsapp 626 465 531 ou un correo electrónico ao enderezo anterior confirmando a actividade na que desexa anotarse, sinalando nome completo, DNI, data de nacemento e forma de pago elixida. O prazo conclúe o 3 de xullo, aínda que permanecerá aberto sempre e cando non se cubran as prazas ofertadas.
 
Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Valdoviño, e as actividades que non teñan un número mínimo de prazas cubertas anularanse.
 
Ademais, coa inscrición entregarase unha folla informativa sobre as formas de pago e haberá que elixir unha delas: efectivo a través de carta de pago ou por transferencia na banca electrónica.