O Concello edita material divulgativo para concienciar sobre a necesidade de preservar a píllara das dunas

O Concello de Valdoviño vén de editar material divulgativo sobre a píllara das dunas en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural. Material que busca concienciar á cidadanía sobre a necesidade de preservar unha especie única presente na Frouxeira. Inclúese nun programa iniciado hai meses da man do CPI Atios, e cofinanciado pola Deputación provincial da Coruña, no que alumnos e alumnas do centro educativo local elaboraron debuxos sobre a importancia de axudar á supervivencia da píllara con accións cotiás. Debuxos que o Concello trasladou a paneis informativos hoxe sitos ao pé da lagoa nun acto protagonizado polos nenos e nenas e que tamén incluíu unha charla formativa.
 
Agora, o novo material está a disposición da veciñanza na Oficina Municipal de Turismo emprazada na Porta do Sol. Inicialmente íase repartir a través do CPI, nas datas previas á súa cría, pero a declaración do estado de alarma obrigou a paralizar a iniciativa.
 
O folleto editado inclúe información de interese sobre a vida da píllara, os perigos que ameazan a súa supervivencia e a súa presenza na Frouxeira, así como as medidas para contribuír á súa preservación.