O Concello de Valdoviño abre a inscrición nos obradoiros de musicoterapia nas parroquias para persoas maiores de 55 anos

Baixo o título «Ponlle ritmo á vida!», o Concello de Valdoviño retoma os obradoiros de musicoterapia para persoas maiores de 55 anos. E farao levando as sesións cada semana ás diferentes parroquias. En concreto, a Meirás, Pantín, Sequeiro e Vilaboa. Nesta liña, a Concellería de Servizos Sociais vén de abrir o prazo de inscrición no programa, con custe cero para as persoas participantes.
 
As prazas son limitadas e para anotarse é preciso formalizar a solicitude no departamento municipal de Servizos Sociais, de forma presencial –pranta baixa do consistorio- ou chamando ó teléfono 981 48 70 41 ext.5. A actividade estará guiada por AFAL –Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ferrol e comarca- e arrancará a vindeira semana. Os luns celebrarase ás 16 horas en Vilaboa e ás 18 horas en Meirás; os martes, ás 16 horas, en Pantín e, os xoves, ás 16 horas, será o turno de Sequeiro. A duración das sesións é de hora e media.
 
O Concello dá cumprimento ó seu compromiso de descentralizar as actividades para as persoas maiores nas distintas parroquias. Buscaba así facilitar a participación da veciñanza con independencia da súa proximidade ao centro urbano, evitando que os traslados supuxeran un obstáculo. Iso si, as actividades están abertas ós veciños e veciñas de todas as parroquias.