Entra en servizo a gasolineira de Vilaboa

Arroupados polos veciños e veciñas da parroquia, o alcalde, Alberto González, e o presidente da Cooperativa de Vilaboa, Ángel Caneiro, cortaban este mediodía a cinta coa que, oficialmente, quedaba inaugurada a estación de servizo de Vilaboa. Unha gasolineira impulsada pola Cooperativa que, segundo apuntou o rexidor, constitúe un servizo máis que necesario para as parroquias interiores do municipio. Neste sentido, Alberto González felicitaba á cooperativa e mostraba o respaldo de toda a corporación a unha entidade que tildou de fundamental, chea de proxectos e iniciativas que redundan no benestar da comunidade.
 
Pola súa banda, Ángel Caneiro mostrou a satisfacción da institución pola posta en servizo da gasolineira tras catro longos anos de vicisitudes e anunciaba a intención da cooperativa de ofrecer os prezos máis competitivos posibles. De feito, aplicará xa descontos para os cooperativistas, premiando así a súa participación na iniciativa.
 
A nova gasolineira evitará un desprazamento obrigado ata o dagora, duns 12 quilómetros, ata a estación máis próxima, situada en Lago. Esta emprazada na estrada de Valdoviño a Cerdido, fronte á propia cooperativa, é autoservizo e a forma de pago é con tarxeta, co que pode utilizarse as 24 horas. Nada máis cortarse a cinta, recibía xa aos seus primeiros clientes.