Valdoviño celebra este domingo o Día da Bici

Valdoviño celebrará este domingo, 15 de setembro, o Día da Bicicleta. Unha iniciativa que conxuga a partes iguais deporte, diversión e agasallos. Nenos e maiores están convidados a tomar parte na xornada, que comezará ás 11 horas coa concentración dos participantes no entorno do campo de fútbol de Vilaboa.
 
A saída está programada para as 11,30 horas. Nese momento iniciarase un percorrido duns 7 quilómetros e dificultade baixa, apto para todas as idades, co que veciños e visitantes poderán descubrir unha contorna única: a paisaxe que se abre en torno ó encoro das Forcadas.
 
As persoas interesadas en tomar parte poden recoller a inscrición no Rexistro Municipal de Valdoviño –casa consistorial- en horario de mañá, na Oficina de Turismo en horario de tarde ou na delegación de La Voz de Galicia en Ferrol – rúa Manuel de Cal, no4, entrechán-. Ata o venres 13 de setembro incluído. Así, o día da proba hai que entregar as fichas cubertas. Tamén hai posibilidade de anotarse o propio domingo.
 
E, como colofón á xornada, sorteo dunha morea de agasallos donados por comercios e hostalería local. Entre eles, Proymel, Librería Xeila, Electrodomésticos Nito, Avanza.gal ou Tapería El Gitano. O Día da Bicicleta é unha iniciativa que promoven Radio Voz Ferrol, La Voz de Galicia e Concello de Valdoviño e que patrocinan o Cámping A Lagoa, a Cooperativa de Vilaboa, Gadis e Proymel. Así mesmo, conta coa colaboración de Protección Civil e Policía Local de Valdoviño.