O Concello abre o prazo de inscrición nas actividades da renovada piscina municipal

Cursos de natación para nen@s e persoas adultas, aquagym e sesións de baño libre son as propostas da programación do Concello de Valdoviño previstas para a piscina municipal emprazada en Lago de cara á época estival. Unha piscina que foi obxecto nas últimas semanas de importantes obras de acondicionamento e reforma, necesarias polos problemas estructurais que presentaba e que obrigaron o ano pasado a trasladar as actividades á piscina da Saíña, tras chegar a un acordo entre Concello e propietarios.
 
Nesta liña, o alcalde, Alberto González, avanzou que o Concello está hoxe en día en condicións de reabrir as instalacións coa vista posta no 1 de xullo. E, con esa intención, hoxe mesmo abría o prazo de inscrición –ata o día 26- na programación. Debe formalizarse na casa consistorial –rexistro xeral ou departamento municipal de deportes (segunda planta)- e achegar a ficha de inscrición cuberta –pode descargarse da web municipal-, volante de empadronamento –no caso dos veciños e veciñas de Valdoviño, xa que terán preferencia no caso de que a demanda supere a oferta- e DNI ou libro de familia.
 
A oferta municipal inclúe cursos de natación para nenos e nenas. Será os luns, mércores e venres, con diferentes horarios segundo o nivel: iniciación 1, de 12,30 a 13 horas ; iniciación 2, de 13 a 13,30 horas ; intermedio, de 11,30 a 12,15 h, e perfeccionamento de 10,30 a 11,15 horas.
 
Así mesmo, martes, xoves e venres haberá sesións de aquagym (de 10,30 a 11,15 h) e natación para adultos os martes e xoves de 11,30 a 12,30 h. A isto, súmase o nado libre previa inscrición, con catro grupos e sesións de tres cuartos de hora.
 
Todas as actividades levaranse a cabo en xullo e agosto, e a cota varía en función da actividade. As de dúas horas semanais ascenden a 7,37 euros (menores de 18 anos) e 8,86 (maiores de 18); as de 3 horas á semana sitúanse en 11,06 euros (para menores) e en 12,54 (maiores) e, as de 5 horas á semana, en 18,43 euros (menores) e 22,12 euros (maiores). As cotas son mensuais.