O Concello abre a inscrición en OcioSol, a oferta de actividades deportivas para verán

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da apertura do prazo de inscrición en OcioSol, a programación de actividades deportivas do Concello de Valdoviño para os meses de verán. Unha programación, engadiu, que se amplía respecto a anos anteriores, aumentando o número de propostas e mantendo a descentralización nas diferentes parroquias. Polo miúdo, avanzou que o Concello ofertará ximnasia de mantenemento en Meirás, Valdoviño (Casa da Cultura e entorno da Frouxeira) e Vilaboa; bailes latinos, baloncesto, fútbol sala e tenis. O custe mensual das actividades oscila entre os 7,37 e os 12,54 euros.
 
Así, o paseo da Frouxeira acollerá ximnasia de mantenemento, ampliando as xornadas. Será os luns, mércores e venres de 11,15 a 12,15 horas. A actividade tamén se amplía en Meirás unha xornada respecto ao ano anterior (pavillón do Longoiro, luns, mércores e venres de 10 a 11 horas). Na Casa da Cultura celebrarase os martes e venres de 10 a 11 horas e, no local social de Vilaboa, tamén martes e venres, pero de 11,15 a 12,15 h.
 
As clases de bailes latinos celebraranse os xoves de 21,30 a 23,30 horas no pavillón do CPI Atios. As clases de tenis, para nenos e nenas e adultos, desenvolveranse na pista deportiva do paseo da Lagoa. Haberá dous grupos os martes e xoves de 10 a 11 horas e de 11 a 12 horas.
 
Por último, e no mesmo escenario, o Concello impartirá clases de baloncesto para nenos e nenas, os luns e mércores de 10 a 11 horas e, como novidade, fútbol sala tamén para nenos e nenas os luns e mércores de 11 a 12 horas.
 
As persoas interesadas en tomar parte na programación deben anotarse ben no rexistro xeral ben no departamento municipal de Deportes (segunda planta). Terán que entregar a ficha de inscrición (pode descargarse da web municipal) e achegar tamén fotocopia do DNI e volante de empadronamento (só no caso de residir en Valdoviño) –terán preferencia de praza os veciños e veciñas do municipio en caso de que a demanda exceda a oferta-. As cuotas oscilan entre os 7,37 e os 12,54 euros dependendo das horas da actividade e da idade do usuario –menor ou maior de idade-. Para máis información : 626 46 55 31.
 
O prazo abrirase este xoves 20 de xuño e pecharase o venres 26 de xuño.