Os "TOP" nacionais confirman a súa participación no Campionato de España de Surfing 2019

A gran festa do surfing nacional inicia a súa conta atrás para o comezo da competición. A falta de catro días, a praia da Frouxeira prepárase para recibir aos mellores surfistas nacionais no Campionato de España de Surfing 2019.
 
Un total de 12 títulos nacionais en xogo que inclúen as 11 categorías individuais e a competición por seleccións autonómicas. Os días 22 e 23 de xuño disputaranse os títulos individuais nas categorías Open (masculino e feminino), Master e Kneeboard.
 
Tras a confirmación das prazas, conseguidas por méritos deportivos, a edición 2019 contará cun cartel de luxo e máis de 230 surfistas competindo polos títulos individuais.
 
O actual campión de España e recente gañador na proba da liga Iberdrola disputada en Pantín, Andy Criere perfílase como un dos favoritos en categoría masculina. Xunto ao guipuscoano, surfistas da talla de Gony Zubizarreta, Vicente Romero, Luís Díaz, Gonzalo Gutiérrez, Jatyr Berasaluce e promesas como Iker Amatriaín, Yael Pena, Diego Suárez ou Moisés Domínguez farán as delicias dos asistentes a próxima fin de semana na praia da Frouxeira.
 
Na categoría feminina, coa actual campioa Garazi Sánchez finalizando a súa recuperación, a lista de favoritas ao título amplíase. A biscaíña Leti Canales chega nun gran estado de forma e liderando a clasificación da liga Iberdrola tras un inicio de tempada espectacular. Ariane Ochoa, campiona na edición 2016, regresa ao campionato de España con moitas ganas e nun bo estado de forma. As promesas Melania Suárez, Lucíaa Machado, Janire González, Mikele Beato ou Julia González chegan tamén moi preparadas para asaltar o título absoluto.
 
A calidade neste Campionato de España 2019 está máis que garantida e os surfistas terán a oportunidade de demostrar o seu talento e o estado de forma do surfing nacional.
 
O Campionato de España de Surfing 2019 conta co patrocinio de LaLigaSports, Iberdrola, Loterías y Apuestas del Estado e O ́Neill. O apoio institucional do Concello de Valdoviño, o Consello Superior de Depotes, o Comité Olímico Español, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, ademais da colaboración do Océano Surf Museo, Ferrolterra Rías Altas, Costa das Ondas, Federación Española de Fibrose Quística, Federación Galega de Fibrose Quística, Federación Galega de Surf, Federación Asturiana de Surf, Federación Canaria de Surf, Federación Cántabra de Surf e a Federación Catalá de Surf.