Arrancan as obras do primeiro Centro Sociocomunitario de Valdoviño

O Concello de Valdoviño informou da sinatura da acta de replanteo da primeira fase das obras de contrución do primeiro Centro Sociocomunitario de Valdoviño. O trámite co que, oficialmente, comezan as obras, adxudicadas á empresa Areco Arquitectura por un importe de 236.295,01 euros. Unha intervención que cofinancian Xunta de Galicia, a través dun convenio asinado coa Consellería de Política Social, e Concello de Valdoviño, ao igual que a segunda fase. En suma, a aportación da Xunta ascende a 150.000 euros.
 
Os traballos contemplan a rehabilitación integral do antigo mercado municipal para usos sociais. As dependencias sitúanse á entrada da parroquia de Valdoviño, na estrada de Cedeira, e na área de influencia do Centro de Saúde, do Auditorio, do Museo do Surf e da Casa da Cultura. Actualmente alberga as dependencias da Garda Civil e do Xulgado de Paz, aínda que a maior parte da súa superficie, noutrora mercado, están en desuso tras a xubilación da titular do único negocio que durante anos ocupou o inmoble. Así, hoxe en día, o local utilízase como almacén municipal.
 
A primeira e a segunda fase do proxecto contemplan, a grandes rasgos, ampliar a superficie útil mediante a cubrición da zona de soportais do exterior, a demolición das escaleiras de acceso e a construción dunhas novas, comunicar a nova planta baixa coa primeira a través dun ascensor e crear nese primeiro andar un espazo diáfano.
 
A edificación destinarase a usos sociais, asociativos, de ocio, culturais e mesmo deportivos. Tamén será un espazo de encontro, reunión e actividade para os veciños e veciñas. Compatibilizará estes usos coa celebración de charlas divulgativas, accións formativas…