Arranca a tramitación das obras para a construción da senda peonil e ciclista entre a lagoa da Frouxeira e Meirás

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista entre a lagoa da Frouxeira e Meirás. Na práctica, arranca así o procedemento administrativo para materializar o proxecto, que conta cun orzamento duns 865.000 euros que financiará a Xunta de Galicia. Un proxecto planteado polo Concello en 2016 para conectar a zona litoral e que, dende ese tempo, sufriu diversas modificacións para dar cabida ás demandas e propostas trasladadas pola propia Administración local.

A primeiros de mes, o Consello da Xunta autorizaba o proxecto de decreto agora publicado e avanzaba a súa intención de licitar as obras nas vindeiras semanas.

Este decreto de utilidade pública comprende as expropiacións dos 53 medios necesarios para a execución do itinerario peonil seguro e accesible na estrada AC 116 entre o p.q. 6+500 e o 10+400.

A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, no municipio de Valdoviño, o que permitirá a conexión peonil ao longo de toda a estrada AC-116. Executarase unha senda pola marxe dereita da estrada que sumará 3,2 km, o que permitirá completar un itinerario peonil continuo entre as travesías do Cruceiro, no concello de Narón, e Lago, situado no de Valdoviño.

Desde este punto a AC-116 ten xa beirarrúas ata o seu final, polo que coas sendas previstas quedará conectado o paseo da lagoa de Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Ademais, reformarase a intersección existente no acceso á lagoa da Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para virar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil. Os vehículos poderán xirar na glorieta existente a 300 metros, no p.q. 12+360. A obra compleméntase coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.