Concello e CPI Atios colaboran nas obras de acondicionamento do centro educativo

O alcalde, Alberto González, e o director do CPI Atios, Antonio Cebreiro, informaban esta mañá do remate dunha serie de actuacións de acondicionamento realizadas nas instalacións educativas e, máis concretamente, nas dependencias de Secretaría, Dirección e na antiga vivenda do conserxe. Nas primeiras, o Concello procedía ao pintado das estancias e á renovación do chan por tarima flotante, namentras que o CPI financiaba a adquisición de novo mobiliario de oficina obrigado polo deterioro do anterior.
 
Así mesmo, a antiga vivenda do conserxe, un edificio anexo ao CPI que alberga a oficina da ANPA Beiramar, tamén foi obxecto dunha intervención de acondicionamento que permitiu habilitar dúas estancias para os departamentos de Matemáticas e Inglés e Francés. Deste xeito, evitarán ter que realizar as súas xuntanzas na sala de profesores pola falla de espazo, moi necesario dada o incremento na matriculación experimentado nos últimos anos e a continua organización de actividades.
 
Estas intervencións súmanse a outras moitas realizadas nos últimos tres anos e medio no centro. Entre elas, a impermeabilización da fachada e amaño de ventanais; a substitución de parte do peche perimetral do recinto, ata ese momento moi deteriorado, por outro novo; a renovación do chan da biblioteca; o pintado da primeira e segunda planta do centro; a construción dun almacén; a creación de dúas novas aulas; a construción dun aparcadoiro con capacidade para uns cen veículos e, en execución, a construción dunha rotonda e dun novo carril de acceso ao aparcamento do centro cun investimento superior aos 130.000 euros. Ademais, procedeuse ao pintado da sinalización horizontal e das sinais que delimitan as prazas de estacionamento na zona exterior.