O Concello tramita as axudas do Bono Coidado para familias con fillos menores de 12 anos

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Servizos Sociais Comunitarios, vén de informar da apertura do prazo para presentar as solicitudes ó programa Bono Coidado, destinado ás familias con fillos menores de 12 anos. Así, as persoas interesadas en anotarse a este programa para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral poden dirixirse ó departamento municipal de Servizos Sociais –pranta baixa da casa consistorial-, onde recibirán a información necesaria sobre a documentación a entregar e, ademáis, os técnicos municipais encargaranse de tramitar as solicitudes.
 
A contía varía en función dos ingresos da unidade familiar e permite contribuír ó pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio nos seguintes supostos: enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado/a polos membros da familia; enfermidade da persoa coidadora habitual; asistencia desta a entrevistas de traballo ou cursos de formación, ou situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado que impidan o coidado do/a neno/a. O Bono Coidado é unha convocatoria de axudas promovida pola Xunta de Galicia.
 
Máis información: Axudas para a atención de nenos menores de 12 anos (programa Bono coidado).