A ANPA Beiramar entrega ao CPI Atios o desfibrilador e equipamento acadado coa campaña proxecto salvavidas

A día de hoxe, o CPI Atios, no que estudan máis de medio millar de nenos e nenas, é un espazo cardioprotexido, e a consecución deste logro foi un éxito colectivo que nacía da iniciativa da ANPA Beiramar. Pais e nais poñían en marcha no mes de outubro unha campaña solidaria, ao abeiro da iniciativa Proyecto Salvavidas, para acadar o ansiado desfibrilador para o centro a través da venda de pulseiras. Un proxecto ao que se unía o Concello, que instalaba de forma provisional un dos desfibriladores cos que conta. A resposta veciñal superaba as mellores expectativas, fixadas na venda de 600 pulseiras, e a campaña acababa superando as 1.500.
 
Esta mañá, os integrantes da ANPA Beiramar facían entrega á dirección do CPI Atios do desfibrilador, maniquíes de resucitación cardiopulmonar básica, desfibrilador de adestramento, mochila de emerxencias, vitrina e sinaléctica. No acto, o alcalde, Alberto González, asumía o compromiso de que o Concello asinará a curto prazo un acordo para facerse cargo do mantemento do equipamento.
 
Amais da cesión do material, a ANPA, coa colaboración dos médicos Francisco Rascado, Yessica López e Ana Pérez e da enfermeira Pilar López-Sastre, impulsaban os necesarios cursos de formación. A eles asistía todo o persoal docente e non docente do centro, así como a Policía Local. Unha implicación que fixo efectiva a conversión do CPI Atios nun espazo cardioprotexido.