Bases do XIX Festival de Entroido

O Concello de Valdoviño promove o XIX Festival de Entroido  que se celebrará o  sábado 9 de marzo no  Concello de Valdoviño.
 
BASES QUE REXERÁN NO XIX FESTIVAL  DO ENTROIDO 2019 NO CONCELLO DE VALDOVIÑO
1.- Poderán participar no XIX Festival de Entroido do Concello de Valdoviño as entidades legalmente constituídas e/ou grupos ocasionais  que cumpran as condicións establecidas nas seguintes bases. En todo caso nomearase un representante debidamente autorizado para actuar en nome do grupo.
 
2.- Poderán participar no festival todas as persoas interesadas  nas seguintes categorías :
A)   COMPARSA ADULTOS : considerarase comparsa o grupo de persoas integrado por un número igual ou superior a dez compoñentes debidamente disfrazados e gardando unha unidade temática na súa vestimenta e actuación. Poden optar a axuda económica  por inscrición e á axuda  por concursaren.
B)   COMPARSA INFANTIL: agrupacións formadas por un número igual ou superior a dez persoas nas que polo menos o 50% dos seus compoñentes sexan menores de 18 anos.  As comparsas infantís precisarán nomear a un representante maior de idade para poderen participar. As comparsas infantís poderán  optar á axuda económica por inscrición pero non á axuda por concursaren.
C)    OUTROS : entran nesta categoria os disfrazados a título individual, as parellas de disfraces e grupos de ata cinco persoas. A título  de disfrace individual non se admitirán menores, porén, éstes si poderán formar parte de parellas ou grupos sempre e cando  o fagan acompañados de polo menos un adulto que se responsabilice dos mesmos. A parella ou grupo deberá de manter unha uniformidade de criterio na súa indumentaria.
 
3.- O Concello de Valdoviño destina a cantidade máxima de 3.300,00 € en calidade de axudas para distribuír entre as categorías participantes nas modalidades :   A) COMPARSA ADULTOS , B) COMPARSA INFANTIL   e C) OUTROS  . O gasto imputarase á partida orzamentaria 334.48900 do orzamento  do ano 2018 prorrogado  para o ano 2019.
 
4.- En relación ao punto anterior, a cantidade máxima destinada a axudas de participación a todas as comparsas admitidas será de 3.000,00 euros, a cantidade destinada a axuda de concurso para a “Mellor Comparsa Concello de Valdoviño 2019” será de 150,00 euros e a cantidade  máxima destinada aos participantes en categoria OUTROS será de 150,00 euros e rexéndose polo  escrito no punto 7.
 
5. – No referido ás axudas por participación, a cantidade máxima que recibirá cada comparsa que  reuna as condicións e requisitos esixidos nestas BASES será de 300’00 euros. O pagamento farase efectivo mediante transferencia bancaria na conta sinalada na documentación de inscrición na que deberá constar o IBAN. De ser o caso, aplicarase a retención de IRPF de acordo coa lexislación vixente.
 
6.- No referido á axuda de concurso para aMellor Comparsa Concello de Valdoviño 2019”, concederase  unha única cantidade de 150,00 euros. Esta cantidade sumarase á axuda por participación e sobre a mesma aplicaranse as retencións que indique a lexislación vixente.
 
7.- No referido aos vales de consumo en empresas locais, os 150, 00 euros destinados a este fin repartiranse a razón de 50,00 euros por vale, consecuentemente teremos tres vales que irán destinados aos tres mellores disfraces que concursen na categoría OUTROS. No caso de que NON PROCEDA outorgar todos o algún dos vales destinados a consumo de produto en empresa local por quedar deserta esta opción ou por incumprimento de bases dos inscritos, a organización poderá destinar ese importe ou parte do mesmo a outras axudas de concurso a comparsas. Unha mesma comparsa non pode ser destinataria de máis dunha axuda de concurso.  Deste feito darase conta no informe acreditativo do desenvolvemento desta actividade de entroido. 
 
8.- Para poder participar en calquera das categorías será imprescindible cumprimentar a solicitude de inscrición correspondente e os seus  documentos anexos e entregalos na Casa da Cultura do Concello nas seguintes datas e horarios : Pola mañá de luns a venres e de 10,00 a 14,00 do 25 de febreiro ao 1 de marzo . Pola  tarde o xoves 28 de febreiro de 15,00 a 18,00 horas. A copia das cancións ou guión das parodias a interpretar entregarase tamén no momento de facer a solicitude de participación. Esto non compete a aqueles que se inscriban na modalidade “OUTROS”. As solicitudes fóra de prazo ou que non presenten toda a documentación requerida  serán desestimadas.
 
9.- O modelo de instancia e Bases de inscrición facilitaranse na  Casa da Cultura e está dispoñible ao pé desta páxina para a súa descarga.
 
10.– A cantidade máxima de comparsas que se admitirán a participar nesta edición do Entroido 2019 será de dez. Terán preferencia -con independencia da data de presentación de solicitude e  sempre  cumprindo os prazos e requisitos establecidos- as comparsas formadas por veciños de Valdoviño ; para todas as demais  primará a orde de inscrición. A organización reservarase o dereito á cancelación do evento no suposto de que non se acade o número mínimo de 3 comparsas participantes.
 
11.- A orde de actuación das comparsas e de desfile no pasarrúas  corresponderase coa orde de inscrición atendendo ao estipulado no punto 10. O xoves 7 de marzo confirmaráselle ao responsable de cada comparsa a súa inclusión ou non na XIX Edición do Festival do Entroido do Concello de Valdoviño.
 
12.- As comparsas  inscritas asumen  o compromiso de desfilaren en pasarrúas  . Con tal motivo, os  participantes deberán estar ás 17,00 horas no aparcadoiro  situado detrás do edificio do Concello para, atendendo ás indicacións da organización, colocarse con tempo suficiente na rúa Imeldo Corral para iniciar o desfile ás 17,30 horas. O percorrido comprenderá o seguinte tramo : saída dende a rúa Imeldo Corral, desfilando pola estrada principal ata chegar á Casa da Cultura.
 
13.- As comparsas que leven no pasarrúas vehículos a motor deberán contar cos permisos de circulación, de inspección técnica (ITV) e seguros correspondentes sendo isto responsabilidade das persoas que figuran como inscritas. Atenderase neste punto ao estipulado no  Regulamento xeral de Circulación.
 
14- Cada  comparsa deberá interpretar ante o público nas instalacións destinadas ao evento un máximo de dúas cancións ou de dúas parodias, ou ben,  dunha parodia e dunha canción. Polo menos unha delas terá que estar escrita e ser interpretada en língua galega, e un dos temas  deberá obrigatoriamente  versar sobre Valdoviño. As comparsas que necesiten música deberán facilitala en soporte USB o mesmo día do festival. As comparsas que vaian  realizar parodia ou canción a modo de presentación deberán indícalo na inscrición.
 
15.- O tempo máximo de posta en escena para cada comparsa será de 10 minutos. As comparsas que superen o tempo regulamentariamente establecido  e permanezan no escenario despois de seren avisadas,  poderán ser descualificadas polo equipo de  organización do evento.
 
16.- Serán as propias comparsas as que libremente decidan distribuír a letra das súas cancións entre os asistentes ao festival. Dado o carácter humorístico desta festa tradicional, o Concello de Valdoviño  non asumirá responsabilidade algunha acerca das  letras, interpretacións e  disfraces das comparsas e entroidos participantes
 
17.-  Na modalidade   “OUTROS” non haberá límite de inscricións. Os anotados asumen o compromiso de desfilaren en pasarrúas,  polo que deberán presentarse as 17,00 horas no punto de saída ; igualmente deberán desfilar, cando se lles indique, polo escenario habilitado na Casa da Cultura. Todos os anotados deberán levar nun lugar visible o dorsal que recibirán no momento de facer a inscrición. Non serán obxecto de valoración e non poderán optar a conseguir vale de consumo en empresas locais aqueles que aínda inscritos non cumpran o aquí estipulado.
 
18.- O día do desfile cada comparsa presentará un representante que actuará como xurado. Esta persoa, maior de idade,  deberá presentarse as 17,00 horas como tal ante a organización que lle tomará os datos necesarios. O representante elixido como xurado terá o obriga de permanecer no lugar habilitado para tal fin e de visionar todas as actuacións. O abandono por parte da persoa do xurado sen previo aviso á organización e sen causa xustificada significará a descualificación da comparsa á que representa , así mesmo, non poderá participar desfilando no pasarrúas .
As obrigas do xurado serán :
1)    Valorar as comparsas participantes para elixir entre todas (agás as que concursen na modalidade  infantíl) aquela merecedora da axuda de concurso para aMellor Comparsa Concello de Valdoviño 2019”
2)    Valorar  os  tres mellores disfraces que concursen na categoría “Outros”.
En caso de empate entre comparsas para optar á axuda por concursaren, procederase a unha nova votación na que participarán todas as comparsas agás as implicadas no empate. A votación farase a man alzada e a persoa designada polo concello tomará nota do voto ; se continuase o empate procederase cun sorteo. En caso de empate entre os concursantes “Outros”procederase de igual forma facendo unha nova votación por parte dos representantes das comparsas pero soamente sobre as figuras obxecto de empate ;igualmente de persistir o empate procederase cun sorteo.
Como criterios de valoración o xurado terá en conta : a orixinalidade e vistosidade do disfrace,  a simpatía, e a conservación das características do entroido tradicional. A resolución do concurso terá lugar o mesmo día 9 de marzo. O Concello de Valdoviño non se responsabiliza das votacións emitidas polo xurado sempre e cando cumpran o establecido nas Bases. Calquera interesado poderá consultar a táboa de puntuación emitida por cada un dos membros do xurado.
 
19.- Finalizadas as actuacións das comparsas e do desfile de anotados na categoría “Outros” procederase a entregar os vales para consumo de produtos en empresas locais aos tres mellores entroidos. Seguidamente citaranse no palco aos membros das comparsas para facerlles entrega dos títulos honoríficos e dos vales simbólicos das axudas económicas desta edición do festival . A comparsa gañadora da axuda de concurso para a “Mellor Comparsa Concello de Valdoviño 2019” por importe de 150,00 euros repetirá a  interpretación poñendo deste modo fin ao festival.
 
20.- Durante a celebración desta actividade prohíbese a subministración e consumo de bebidas alcohólicas nos espazos destinados a este fin.
 
21.- O Concello de Valdoviño resérvase o dereito de anulación do desfile por inclemencias do tempo. No caso de anulación do pasarrúas o festival comezará ás 17,30 horas na Casa da Cultura
 
22.- Se coa finalidade de mellorar o desenvolvemento dos actos programados  se considerase conveniente introducir modificacións ao aquí fixado, poderá facerse por parte da organización. Atendendo a este punto solucionaranse os imprevistos que puidesen xurdir.
 
23. -Todos os integrantes das comparsas quedarán obrigados a atender as recomendacións que lles indiquen os traballadores dos corpos de seguridade e da organización. De producirense danos  a bens ou persoas durante o desenvolvemento da actividade que non sexan imputables ao Concello de Valdoviño,  a responsabilidade derivada será asumida íntegramente polos inscritos como participantes na/s solicitudes. Igualmente, o Concello de Valdoviño non se fará responsable das accións realizadas por grupos ou persoas  non inscritas.
 
24.- Con posterioridade ao evento emitirase informe para poder proceder cos pagamentos que cumpridamente se deban de facer atendendo ao estipulado nas presentes Bases.
 
25.- A inscrición no concurso enténdese como aceptación plena das Bases fixadas para o mesmo sen que se poidan formular reclamacións de ningunha clase e por ningún concepto contra o aquí regulamentado. O incumprimento  destas bases dará lugar á descualificación automática da comparsa participante e á anulación da axuda estipulada.  Non serán admitidos comportamentos ilegais, vexatorios  ou de mal gusto que excedan o espírito crítico, satírico e lúdico do Entroido.
 
26.- Como anexo a estas bases figura a documentación para a inscrición.
En todo o que non está previsto nestas bases terá de aplicación supletoria a Lei Xeral de Subvencións 38/2003.