O Concello dota dunha cuberta a Aula da Natureza para ampliar as posibilidades de xogo no exterior dos máis pequenos

Trala inauguración hai ano e medio da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia, o Concello vén de mellorar as infraestruturas e o equipamento destas instalacións, ás que acoden cada día 17 nenos e nenas de cero a tres anos, favorecendo así a conciliación da vida persoal e laboral das súas familias. Actuacións de mellora posibles, tal e como destacou esta mañá o alcalde, Alberto González, grazas á colaboración da Consellería de Política Social da Xunta, que deu o visto bo ás demandas trasladadas polo Concello e concedeu unha subvención de 18.956,42 euros para financialas.

Así as cousas, no transcurso dunha visita ó PAI xunto aos concelleiros de Obras, Alejandro García, e Servizos, Benito Vega, o alcalde explicaba que as obras permitiron instalar unha cuberta móbil na zona traseira, contigua á pista deportiva municipal. Amplía así as posibilidades de xogo dos máis pequenos no exterior, xa que a infraestrutura cubre uns 30 metros cadrados de chan de caucho. Na zona dianteira, colocouse unha varanda de madeira que, por unha banda mellora a seguridade do centro e, por outra, permite a conexión co xardín. Nesta zona, instalouse tamén unha vela triangular que dará sombra nos días máis soleados para que os nenos e nenas poidan desfrutar do parque infantil.

Así mesmo, a intervención contemplou tamén a adquisición e mellora do equipamento: 2 mobles, 3 percheiros, 1 barra estabilizadora, 1 microondas e 1 disco duro.