O Concello completa as obras de accesibilidade no centro de saúde coa reordenación do estacionamento na contorna

Coincidindo coas obras de mellora e accesibilidade que Concello e Consellería de Sanidade levaron a cabo no Centro de Saúde, o alcalde, Alberto González, informou da actuación de reordenación das zonas de aparcadoiro do vial de acceso ás instalacións sanitarias. Impulsada pola Concellería de Servizos, o rexidor explicou que se procedeu á creación dun paso de peóns que une a beirarrúa coa nova rampla e plataforma de acceso á entrada principal do centro, co que se garante a mobilidade das persoas en cadeira de rodas, as que conduzan carriños de bebé e aquelas outras con mobilidade reducida. Así mesmo, tamén se habilitou unha zona de 12 metros lineais de aparcadoiro reservado para persoas con diversidade funcional. Por último, e completando a intervención na zona, renovouse a sinalización horizontal de carga e descarga existente na estrada que conduce a Cedeira, perpendicular ó vial de acceso ó centro de saúde.
 
Estes traballos únense ós realizados nas propias instalacións que, amáis das obras de accesibilidade, contemplaron a renovación da cuberta e o afianzamento dos piares do acceso que sirven de sustento para a cuberta da entrada principal. Traballos froito da colaboración entre Concello e Consellería de Sanidade, que cofinanciaron os investimentos.