O paseo da Frouxeira xa luce o mural urbano creado polos rapaces e rapazas do obradoiro de graffiti e guiado pola ilustradora NANA

O mural urbano creado no marco do obradoiro de graffiti organizado polo Concello de Valdoviño e guiado pola ilustradora, educadora artística e artista mural NANA xa luce no paseo da Frouxeira. Os rapaces e rapazas que participaron na súa creación daban as últimas pinceladas o pasado venres no inmoble que alberga os aseos do paseo, conseguindo un resultado chamativo e espectacular. Ata alí se desprazaron o alcalde, Alberto González; as concelleiras de Turismo e de Cultura, Rosana García e Jessica Sabín, e a técnica de Cultura, Rita Díaz, para felicitar ós artistas e, á vista do resultado, o rexidor non descartou reeditar a iniciativa noutros espazos públicos.