A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol xunto coa Federación Galega de Surf e Body Board celebran a Gala do Surf 2018 na Casa da Cultura do Concello de Valdoviño

Valdoviño acollerá este sábado, 29 de decembro, a Gala do Surf 2018. Celebrarase na Casa da Cultura, a partir das 19,30 horas, e reunirá ós mellores surfistas do presente ano que competiron no Circuito Galego de Surf, así como a aquelas persoas e entidades cunha especial vinculación coa Federación Galega de Surf, autoridades e representantes da Mancomunidade e da Federación Española de Surfing. Unha cita ineludible para as persoas afeccionadas ó surf en Galicia.
 
Deste xeito, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol acollerá este ano o evento, vencellándoo ó seu Plan de Competitividade do destino turístico Ferrolterra - Rías Altas que está a desenvolver no marco da subvención outorgada pola Deputación da Coruña. Este plan busca promover o territorio como lugar óptimo para a práctica de turismo familiar a través da marca Activo 365 e outras accións de impulso empresarial e a promoción do destino.
 
O Concello de Valdoviño será o anfitrión, poñendo a disposición da Federación Galega de Surf e Body Board (FGS) as instalacións da Casa da Cultura, sede tamén do Océano Surf Museo.
 
Precisamente, tras a entrega de premios, as persoas asistentes poderán desfrutar dunha visita guiada por Vicente Irisarri a estas instalacións, únicas en España. O evento pecharase cun picho que dará comezo ás 21 h e que correrá a cargo das empresas Deleite e Yatecomeré.
 
Esta acción supón para o destino unha consolidación do seu vínculo e impulso da cultura do surf no territorio.