Cunha visita a empresas do sector surf, e co acto de benvida institucional comeza o fam trip Costa das Ondas

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, por medio do convenio asinado coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia para a promoción do xeodestino Ferrolterra – Rías Altas, está a organizar una visita a Ferrolterra e Ortegal de varias federacións nacionais de surf que proveñen de diferentes países europeos.
 
Na tarde do venres deu comezo esta visita co acto central de benvida no Parador de Turismo de Ferrol. Ás 18:30 horas arrancou o evento que contou con moi boa acollida por parte dos concellos e das entidades dedicadas ao surf do xeodestino que recibiron á directiva das diferentes federacións de surf europeas.
 
Ao acto asistiu o concelleiro de Turismo de Ferrol, Suso Basterrechea; o alcalde de Valdoviño, Alberto González; e a concelleira de Turismo de Ares, Alma Barrón. Tamén estivo presente Carlos García, presidente da Federación española de Surfing; e Luís Alcalá, xerente da Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol.
 
O acto comezou coa benvida por parte do concelleiro de Turismo de Ferrol, Suso Basterrechea, que agradeceu aos asistentes a súa presenza na cidade. A continuación tivo lugar a intervención do xerente da Mancomunidade de Concellos de Ferrol, Luís Alcalá. Na mesma explicou a labor do ente supramunicipal no eido do turismo e presentou o proxecto Costa das Ondas facendo un percorrido dedsde a súa creación, a súa planificación e como se configurou todo o territorio como un destino único baixo o paraugas desta marca promocional, que abarca tanto os recursos naturais como todos os servizos profesionais de surf.
 
Seguidamente o alcalde de Valdoviño, Alberto González, que interviu como representante da Mancomunidade por delegación do seu presidente, Jorge Suárez, destacou as potencialidades deste territorio para a práctica de deportes relacionados co mar, nomeadamente o surf, elemento tractor do turismo do destino. Igualmente puxo en valor o crecemento do sector profesional vinculado a este deporte, así como outro tipo de servizos turísticos non específicos de surf pero que contan nel un mercado obxectivo prioritario. Destacou ademais que este destino conta co único museo dedicado ao surf de España, o Océano Surf Museo, así como o evento de surf máis relevante do país, o Pantín Classic. Finalmente Carlos García, presidente da Federación española de surfing, agradeceu tanto ás federacións europeas como ás entidades do territorio o interese demostrado polo produto de surf poñendo en valor tanto o capital humano como o natural co que conta o xeodestino.
 
Unha vez contextualizado o territorio son as propias entidades que o conforman as que tiveron a palabra. De man da oficina técnica que desenvolve o produto Costa das Ondas, as entidades integrantes desta marca tiveron tempo de networking para explicar os seus servizos profesionais e cales son as vantaxes de apostar por este territorio para estadías de adestramento coas súas seleccións e con competicións de surf.
Percorrido por empresas do sector surf
 
Antes deste acto de benvida, as federacións invitadas tiveron unha primeira toma de contacto coa cidade de Ferrol facendo un pequeno percorrido por tendas especializadas de surf e talleres de material.
 
Este evento dá comezo a unha fin de semana na que se lle mostrarán as características únicas, principalmente daquelas praias menos coñecidas para non saturar ás dúas praias más relevantes do destino, de maneira que poidan descubran Ferrolterra-Rías Altas como destino inigualable para as súas competicións e adestramentos buscando a deslocalización do turismo de surf e paliar a estacionalidade.
 
Entre as actividades programadas para o sábado 8 destacan: visita a praias de Valdoviño, a definir en función do parte de ondas, visita a aloxamentos surf friendly de Ferrol e Valdoviño así como un percorrido polo Océano surf Museo de Valdoviño
 
Para pechar a viaxe, o domingo día 9 visitarán ás praias de Ferrol facendo actividades de surf nas mesmas e pecharán a visita cunha comida na cidade.