Visita guiada ó Océano Surf Museo este domingo da man do Pantín Surf Camp

O Concello, a través da Concellería de Turismo, convida a nenos e maiores a celebrar este domingo o primeiro aniversario do Océano Surf Museo, o único en España adicado en exclusiva ó surf. E, para iso, non hai mellor xeito que achegarse a el coa visita guiada que organiza a Administración local e na que colaboran as escolas de surf que, xunto ó Concello, promoveron estas instalacións. Será a partir das 12 horas e a participación é gratuíta e sen necesidade de inscrición previa. Neste caso, o Pantín Surf Camp encargarase de guiar ás persoas interesadas en coñecer máis sobre a historia do surf.
 
Un percorrido único por este deporte dende as súas mesmas orixes ata os nosos días, apoiándose para isto en textos, planos, ilustracións, pezas orixinais, fotografías, audiovisuais ou realidade virtual. E, como espazo destacado, o Pantín Classic, protagonista en exclusiva dunha das salas.
 
Durante todo o ano, a entrada ó museo é gratuíta e pode visitarse de luns a venres de 12 a 14 horas e fins de semana e festivos de 12 a 14 e de 16 a 19 horas. Así mesmo, os centros educativos interesados poden concertar visitas guiadas chamando ó museo -981 48 76 66-.