A igrexa de Lago, escenario do concerto da Ensamble IULIUS XIII este sábado

A compañía Ensamble IULIUS XIII propón a veciños e veciñas compartir este sábado eses inesquecibles temas musicais que marcaron un fito na historia. Esas melodías que veñen á mente cada vez que abrimos o imaxinario baúl dos recordos. Tamén revivir aqueles momentos máis importantes da man de temas como Memory, Moon River ou Summertime.
 
Así, a compañía visitará Valdoviño este sábado, 10 de novembro, para ofrecer Unforgettable, unha experiencia única nunha contorna non menos especial: a igrexa de Lago. Alí, a partir das 20 horas, a soprano Clara Panas interpretará todos eses temas acompañada de Alfredo Gómez ó clarinete e de Ludmila Shevyakova ó piano.
 
Unha iniciativa con entrada de balde ata completar aforo incluída no programa cultural municipal Escenarios Paralelos, que leva as propostas culturais fóra dos espazos tradicionais.