Arrancan nas parroquias de Valdoviño os obradoiros gratuítos de musicoterapia para persoas maiores de 55 anos

Os obradoiros de musicoterapia para persoas maiores de 55 anos que organiza o Concello nas diferentes parroquias do municipio arrancaban no día de onte en Meirás e Sequeiro. Nesta primeira xornada desprazábase ata os respectivos locais sociais o alcalde, Alberto González, acompañado da concelleira de Cultura, Rosana García, e o director de AFAL, José María Otero. Todos eles coincidían en animar á veciñanza a tomar parte na iniciativa e lembraban que a inscrición continúa aberta no departamento municipal de Servizos Sociais –pranta baixa do consistorio- ou chamando ó teléfono 981 48 70 41 ext.5. Os obradoiros comezarán esta tarde en Pantín e, mañá mércores, en Vilaboa.
 
A participación é gratuíta e o programa prolongarase ó longo do curso, impartido por AFAL –Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ferrol e comarca-. Os luns celebrarase ás 16 horas en Meirás e ás 18 horas en Sequeiro; os martes, ás 18 horas, en Pantín e, os mércores, ás 16 horas, será o turno de Sequeiro.