Aberta a inscrición na Volta ás Forcadas

O Concello de Valdoviño vén de abrir a inscrición na terceira edición da carreira Volta ás Forcadas. Trátase dunha cita deportiva incluída no calendario do 3º Circuito CORRE POLO NORTE que promove o Concello de Valdoviño xunto ós municipios veciños de Ortigueira, Cedeira, Cariño, Cerdido, Mañón e Moeche. Todos eles, cun obxectivo común: crear e fomentar un hábito de vida saudable entre a veciñanza, abandoando o sedentarismo e ofrecendo a posibilidade de ocupar de forma saudable o seu tempo de ocio. Un obxectivo que pasa porque a actividade física en nenos e en familia sexa un elemento fundamental das persoas. De aí estas carreiras, onde o importante non son os resultados, senón a participación.
 
Nesta liña, o edil de Deportes, Sergio Saavedra, sinala que a III Volta ás Forcadas celebrarase o día 21 de outubro, a partir das 11 horas e punto de partida en Loira. Permitirá aos participantes descubrir un entorno natural único como é o encoro das Forcadas, considerado xa o segundo mar do municipio.
 
Nela poderán participar nenos e maiores e, segundo a idade, estas son as categorías, con distancias adaptadas a estas: Pitufos (2011 e posteriores): 100 metros; Benxamín (2009-2010): 800 metros; Alevín (2007-2008): 1.200 metros; Infantil (2005-2006): 1.600 metros, Cadete (2001-2004): 2.500 metros; Sénior (1984-2000): 7.800 metros, e Veteranos A (1967-1983): 7.800 metros, e Veteranos B (1966 e anteriores): 7.800 metros. En todo caso, a saída irase realizando de forma escalonada entre as 11 e as 11,30 horas. Así mesmo, a modo de andaina está aberta a todas as idades.
 
A cuota para as categorías sénior é de 4 euros e gratuíta para as restantes. Para anotarse hai varias vías: de forma presencial na casa consistorial, de luns a venres de 9 a 14 horas; na web https://www.avaibooksports.com/inscripcion/index.php?id=7592&lang=es, ou no teléfono 652 214 833.