A Mancomunidade, coa colaboración de Deputación e Federación Galega de Surf, formará a 16 persoas empadroadas no Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas como profesores de surf

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol leva anos apostando polo produto turístico de Surf como motor para o desenvolvemento do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas. Baixo a marca Costa das Ondas, realízanse distintas accións promocionais e procúrase a colaboración de todos os profesionais do sector para o seu crecemento.
 
Nesta ocasión, coa colaboración da Deputación da Coruña, a aposta incidirá nas necesidades de formación. Para que o turismo funcione, non abonda con dispoñer de excelentes recursos como son as privilexiadas praias de Ferrolterra con ondas os 365 días do ano. É preciso dispoñer de profesionais cualificados para aproveitar estes recursos ofrecendo actividades turísticas. A escasez de persoas formadas para a impartición de clases de surf obriga na actualidade a recorrer a profesionais doutros territorios e nacionalidades. Existe por tanto unha necesidade de formación, e unha oportunidade para as persoas pertencentes a este territorio que desexen traballar no ámbito do turismo activo.
 
Con esta motivación, a través da Federación Galega de surf impartirase nos próximos meses o Curso de Entrenador Nacional de Surf Nivel, que será gratuito para 16 persoas empadroadas nos concellos que compoñen o xeodestino Ferrolterra-Rías Altas: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.
 
Máis información e inscrición na web da Federación Galega de Surf www.fgsurf.org. O prazo de inscrición encóntrase aberto e seguirase rigoroso orde de rexistro para o outorgamento de prazas ás persoas que superen a proba de admisión.