O Concello de Valdoviño abre o prazo para solicitar as axudas de apoio ó estudo e á conciliación no Punto de Atención á Infancia

A cuantía máxima da subvención concedida polo Concello para os nenos e nenas do PAI pode alcanzar os 800 euros
 
As familias con fillos e fillas escolarizados en Valdoviño ou usuarios do Punto de Atención á Infancia poden solicitar dende mañá venres as subvencións de apoio ó estudo e á conciliación que convoca o Concello de Valdoviño. Deben facelo no Rexistro Xeral municipal (o prazo é de 30 días).
 
Nesta liña, o alcalde, Alberto González, destaca a aposta decidida do Concello por facilitar a vida laboral e persoal das familias do municipio, xa que este ano ampliouse a cuantía das achegas para os nenos e nenas matriculados no PAI. Cuantía que no caso da xornada completa pode alcanzar os 800 euros e, no da parcial e/ou horas complementarias, os 500 euros. Unha medida, engadiu, coa que axudar ás familias a costear un servizo hoxe en día consolidado tras un ano a pleno funcionamento. Máis polo miúdo, o rexidor explicou que os gastos deberán corresponder ó curso 2017/2018 e que para beneficiarse das subvencións a renda anual da unidade familiar non poderá superar os 25.000 euros.
 
Así mesmo, tamén se abrirá mañá o prazo para solicitar ás axudas de apoio ó estudo para os nenos e nenas menores de idade escolarizados nos niveis de Infantil, Primaria ou Secundaria dalgún dos centros educativos do Concello de Valdoviño ou cursando Bacharelato/Formación Profesional nalgún centro público educativo dos municipios limítrofes. A cuantía das achegas oscila entre os 50 e os 100 euros e serán subvencionables os gastos de material escolar e complementario que sexa necesario por consecuencia da escolaridade (material escolar funxible -cores, libretas, folios, tinta impresora, específico da formación profesional, etc-; material complementario -compás, regras, estoxo, mochila, libros de lectura, pen drive-; material deportivo -chándal, tenis, camisetas e calcetíns-).
 
A solicitude para as dúas liñas de axudas municipais debe ir acompañada da seguinte documentación: solicitude da axuda; fotocopia compulsada do DNI dos membros da unidade familiar maiores de idade; fotocopia compulsada do libro de familia; en supostos de adopción ou acollemento, documentación compulsada acreditativa; volante de empadroamento colectivo; xustificantes de ingresos dos membros da unidade familiar do último ano fiscal dispoñible (declaración da renda de todos os membros se non é conxunta ou certificado de datos fiscais emitido pola Axencia Tributaria); nos casos de discapacidade ou dependencia dalgún dos membros da unidade familiar computables, copia compulsada do certificado emitido polo organismo oficial correspondente; declaración da percepción doutras axudas percibidas para o mesmo fin (no propio anexo da solicitude); declaración responsable de non estar incurso/a en suposto de prohibición para ser beneficiario/a da axuda (no propio anexo da solicitude), e declaración responsable de non ter obrigas pendentes de pagamento coas administracións con potestade tributaria e coa seguridade social (no propio anexo da solicitude).
 
As bases da convocatoria poden consultarse no seguinte enlace: http://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2018/06/29/2018_0000004822.html