Máis de 1.300 persoas sumaranse á I Andaina Solidaria contra o Neuroblastoma en memoria de Brais

Espectacular, extraordinaria, inesperada e, sobre todo ilusionante, é a resposta cidadá que está a obter a I Andaina Solidaria contra o Neuroblastoma en memoria de Brais, convocada pola familia e amigos do neno valdoviñés co apoio do Concello. Unha andaina que a día de hoxe supera as 1.300 persoas anotadas e que, a pesares de pechar o prazo de inscrición o 1 de xuño, segue a sumar apoios. Ben en forma de inscricións ben de donativos ben de agasallos para colaborar co sorteo que se realizará ó remate entre aqueles que adquiran as rifas. Iniciativas coas que se persegue un único fin: colaborar economicamente coa investigación para lograr unha cura efectiva para o neuroblastoma, un cancro infantil devastador cunha altísima incidencia na actualidade.
 
Un cancro que en novembro de 2017 lle gañaba a batalla, con tan só seis anos, ó pequeño Brais. Unha batalla emprendida por el e a súa familia dous anos antes. Esa loita continúa hoxe porque os seus pais, familiares, amigos e veciños non se renden e porque queren lograr cambiar un destino hoxe en día insalvable a través dunha cura que dé un futuro a nenos na situación de Brais. Unha causa que movilizará o domingo 17 de xuño a máis de 1.300 persoas.
 
Precisamente, ese apoio masivo obrigou nos últimos días á organización a modificar o itinerario da andaina. Inicialmente a saída estaba prevista dende o CPI Atios, onde estudaba Brais, aínda que finalmente será no entorno do parque infantil da praia da Frouxeira, un dos seus espazos preferidos. Alí, ás 10 horas habilitaranse mesas informativas sobre esta enfermidade e comezará o reparto das camisetas e das mochilas para os adultos e nenos inscritos. No primeiro caso, ata esgotar existencias. E, xa ás 11,30 horas, prevese a saída da andaina cun percorrido que discurrirá polo paseo da lagoa, subida ata a marquesiña coñecida popularmente en Valdoviño como “La Moncloa”, baixada pola estrada da praia ata a praia pequena e regreso polo paseo ó punto de partida.
 
Un itinerario que contará coa colaboración tanto de Policía Local como da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño, implicados dende o primeiro momento na iniciativa.
 
Así mesmo, o deportista Brais Cupeiro Pérez, natural de Ferrol, levará a cabo un percorrido solidario co que contribuír a dar visibilidade a esta loita contra o neuroblastoma. Partirá en bicicleta este luns da vila catalana de Cap de Creus co reto de incorporarse o domingo 17 á andaina.
 
Unha andaina na que se volcou Valdoviño e tamén o resto da comarca e que dá mostra do carácter solidario das súas xentes. Unidos por Brais. Unidos contra o neuroblastoma.