A escola infantil de Valdoviño cumpre un ano

Ata hai un ano, as familias de Valdoviño con nenos e nenas de cero a tres anos víanse obrigadas a desprazarse ata municipios veciños como Narón, Ferrol, Cedeira ou San Sadurniño para poder acceder a unha escola infantil. En maio de 2017, e tras anos de xestións e traballo, o Concello inauguraba na Aula da Natureza o seu Punto de Atención á Infancia. Facíao cunha xornada de portas abertas para a veciñanza. Unha iniciativa que, hoxe, un ano despois, vénse de reeditar. O alcalde, Alberto González, lembraba que a esa cita estaba convidado o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, quen por motivos de axenda de última hora non puido asistir. Sen embargo, si estivo hoxe no primeiro aniversario da escola infantil valdoviñesa. Conselleiro e alcalde, xunto á directora xeral de Familia e Infancia, María Amparo González, e concelleiros da corporación municipal realizaron un percorrido polas instalacións, emprazadas no entorno da praia e lagoa da Frouxeira. Alí, todos eles coincidiron en destacar a importancia deste recurso para a conciliación da vida familiar e laboral das familias de Valdoviño e a necesidade de aunar esforzos nesta materia. Así mesmo, o titular de Política Social avanzou a nova convocatoria de axudas autonómicas para a mellora de equipamentos e o alcalde, a intención de presentar un proxecto para continuar mellorando a dotación do centro.
 
Trala visita, conselleiro, directora xeral, alcalde, concelleiros e familias presentes na xornada de portas abertas uníronse para soprar a vela de cumpreanos xunto ós 16 nenos e nenas que acuden a diario á escola de Valdoviño e, de seguido, sentaron á mesa para probar a tarta preparada para celebrar tan sinalada data.
 
Por último, sinalar que mañá martes pecharase o prazo de preinscrición na escola e que as familias interesadas deben presentar a súa solicitude e documentación no Rexistro Xeral –primeira pranta da casa consistorial-. Calquer dúbida ou petición de información pode trasladarse ó departamento municipal de Servizos Sociais –pranta baixa da Casa do Concello-.