Concello e movemento asociativo organizan este venres a Cabalgata de Reis

As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente farán unha parada este venres, 5 de xaneiro, no municipio de Valdoviño. Invitados polo Concello e máis as entidades e asociacións da localidade, chegarán á casa consistorial sobre as seis e media da tarde. Alí os esperarán deceas de nenos e nenas que solicitaron viaxar nalgunha das carrozas da comitiva real.
 
Todos eles iniciarán un percorrido que os levará á Casa da Cultura e no que repartirán centos de caramelos. No auditorio, atenderán as peticións dos máis pequenos da casa e entregaranlles un pequeno obsequio.
 
O Concello quere agradecer a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño, que velará pola seguridade do percorrido.
 
Como novidade este ano, o Concello, en colaboración co movemento asociativo, promoveu a construción dunha carroza comunitaria. Aínda en fase de creación, os traballos previos estanse a desenvolver nos locais sociais das entidades veciñais de Vilaboa, Sequeiro e Valdoviño. Mañá xoves está convocada unha xuntanza para levar a cabo a montaxe final coas pezas creadas en cada parroquia.