A Casa da Cultura ofrece este domingo o espectáculo “Orquestra de señoritas”, a cargo da compañía Manicómicos

A Asociación Cultural Manicómicos trae a Valdoviño o seu espectáculo “Orquestra de señoritas”. A función terá lugar este domingo a partir das 19 horas no Auditorio da Casa da Cultura con entrada libre e de balde ata completar aforo. A obra inclúese na programación deseñada pola Concellería de Cultura para o mes de novembro coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural, e está pensada para un público maior de 12 anos.
 
“Orquestra de señoritas” ambiéntase no ano 1958, momento no que o trasatlántico Atlantis percorre a ruta Coruña-Nova York trasladando a 200 pasaxeiros en camarotes de luxo e a 800 emigrantes nas adegas do barco. Nunha tormentosa noite, a imprevisible “Orquestra do Mar”, na que tocan distinguidas señoritas, ameniza as veladas aos pasaxeiros de primeira, para que poidan vomitar cun belo fondo sonoro. O concerto que podía ser trivial, convértese nunha cómica apocalipse da crueldade. O público poderá descubrir entón que as artistas son mulleres que fóra e dentro do escenario sofren discriminación, maltrato e opresión. Iso precipita a explosión das súas difíciles relacións coma virtuosas. Só hai un home na orquestra, o pianista, que é acosado pola prepotente directora pero tamén mantén un romance prohibido coa primeira violinista, xerando situacións hilarantes, baixo a atenta mirada dos oficiais do barco, que ameazan á orquestra coa humillación de rebaixala a tocar ante os emigrantes nas adegas do barco. Unha comedia moi tráxica salpicada de orixinais números musicais, coreografías imposibles e sketchs moi divertidos. Aínda que se afunda o mundo, compre que a orquestra non deixe de tocar…