Avanza o proxecto Xeoparque Cabo Ortegal

Os sete concellos –Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- e a Deputación da Coruña crearán unha comunidade intermunicipal.  Os concellos someterán nos vindeiros días a aprobación dos seus respectivos Plenos o Convenio de Colaboración coa Deputación da Coruña para regular o proxecto Xeoparque de Cabo Ortegal. Comprométense todos eles xunto coa Deputación da Coruña co Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, un proxecto no que xa levan dous anos traballando para poñer unhas bases firmes de partida, e crean unha comunidade intermunicipal.
 
Conscientes da necesidade de afondar nos espazos de cooperación intermunicipal sen que iso signifique maiores gastos nin compromisos económicos, e coa necesidade de garantir a eficiencia, calidade e sustentabilidade das actividades e servizos públicos,  os concellos de  Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, levarán nos próximos días aos seus  respectivos plenos a aprobación dun convenio coa Deputación da Coruña para crear unha comunidade intermunicipal que permita a xestión conxunta do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal.
 
A Deputación da Coruña, a través da área de Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico dirixida polo deputado provincial Xosé Regueira,  achegará 500.000,00 euros para impulsar o proxecto co obxectivo de presentar a candidatura á Unesco, co obrigado paso previo do recoñecemento por parte do Comité Español de Xeoparques. 
 
A Comunidade intermunicipal que se crea ten como primeira misión, entre outras, a redacción do plan director e o desenvolvemento das actividades. A xestión compartida do Xeoparque estará impulsada e dirixida por un órgano colexiado, o Consello de dirección, que estará composto  por representantes de cada unha das corporacións partícipes, sendo un deles a Alcaldía ou concelleira/o no que delegue e dous representantes da Deputación Provincial da Coruña.
 
O complexo de Cabo Ortegal abrangue 630 quilómetros cadrados de superficie dos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, e neles sitúanse ata 52 lugares de interese xeolóxico e cinco sitios de relevancia internacional. A relevancia xeolóxica de todos estes lugares de interese xeolóxico vén dada por encontrarse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar del mundo: praias de area vermella praias de area negra como a de Teixidelo, única no planeta de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciares e rochas que habitualmente están a máis de 70 quilómetros de profundidade e que nestes concellos poden observarse a simple vista.