Arrancan os obradoiros de estimulación cognitiva para maiores de 60 anos

Un total de 15 veciños e veciñas das diferentes parroquias tomaron parte onte na primeira sesión dos obradoiros de estimulación cognitiva para persoas maiores de 60 anos que impulsa o Concello de Valdoviño. Obradoiros que se celebrarán todos os martes na Biblioteca da Casa da Cultura de forma completamente gratuíta e baixo a dirección do técnico Daniel Cartelle.
 
Así mesmo, e coa filosofía de descentralización das actividades municipais, os talleres tamén se celebrarán en Meirás e, neste caso, arrancarán o próximo xoves, 19 de outubro, no local da AVV e de 9,30 a 10,30 horas.
 
Nos mesmos, propóñense ás persoas participantes traballos para mellorar a fixación e tamén as memorias a curto e longo prazo, sensorial, semántica, episódica, de recoñecemento, declarativa e procedimental; traballos de nivelación cultural, e xogos lúdicos de estimulación cognitiva.