O Concello de Valdoviño licita a concesión do cámping municipal da Lagoa

O Concello de Valdoviño da un novo paso no proceso de concesión do cámping municipal e máis dos seus servizos auxiliares.

O Boletín Oficial da provincia da Coruña publicaba o pasado venres o anuncio de licitación do contrato para a xestión indirecta e a explotación destas instalacións turísticas. Xa comezou a correr o prazo de 15 días para que as persoas ou empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Segundo recolle o anuncio municipal, o concello propón un contrato de concesión de servizo público por un período de dez anos, prorrogable por outros dous, como fórmula para pór de novo en funcionamento o seu cámping municipal de 2ª categoría, cuxas instalacións ocupan unha parcela duns 9.500 metros cadrados na privilexiada contorna da Praia e Lagoa da Frouxeira.

A licitación da concesión constitúe un avance decisivo no proceso desenvolvido polo concello para recuperar o servizo público de cámping. Non en van, o contrato inclúe, ademais da xestión da infraestrutura de uso turístico, a execución das obras precisas para proceder á súa apertura. Eses traballos centraranse fundamentalmente en adaptar as súas instalacións á normativa vixente en materia de accesibilidade, así como en resolver as deficiencias eléctricas detectadas. Cómpre lembrar que o cámping, que conta con dúas edificacións -destinadas a recepción nun caso, e a aseos, duchas, almacén e bar, con accesos diferenciados, noutro- foi construído a principios dos oitenta e ampliado no ano 1998 ata o que hoxe coñecemos.

Deste xeito, o goberno local mantén o obxectivo de conseguir que o cámping abra as súas portas o antes posible e o faga en condicións óptimas para as persoas usuarias.
 
Toda a información sobre este trámite está dispoñible no Perfil de contratante: Xestión do cámping municipal.