Un total de 22 veciñas e veciños participaron na formación en primeiros auxilios e uso do desfibrilador

Un total de 22 veciñas e veciños de Valdoviño tomaron parte onte á tarde na Casa da Cultura na Formación en primeiros auxilios e uso do desfibrilador. Como explicaron o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Belén Pérez, foi a primeira das accións do Programa Municipal Mellora, de formación e acceso ao emprego. Un programa que continuará esta mesma semana con outra nova iniciativa, o curso «Acompañándote, Todas e todos contamos», centrado no voluntariado.
 
A formación de onte foi impartida por Francisco Rascado, médico de familia no centro de saúde de Cedeira e veciño da localidade; Pilar López-Sastre, enfermeira do bloque cirúrxico do Complexo Hospitalario Universitario Arquitecto Marcide e veciña tamén de Valdoviño, e Yésica López Curbeira, médico do servizo de Urxencias do Marcide. A todos eles, o alcalde e a edil agradeceron moi especialmente a súa participación no proxecto. 
 
Un curso estaba avalado pola SEMFYC, o Consello Español de RCP e homologado polo Consello Europeo de RCP (ERC). De catro horas e media de duración, no mesmo abordouse o recoñecemento de forma rápida dunha parada cardiorrespiratoria; aplicación das técnicas de permeabilización da vía aérea, incluíndo as medidas iniciais ante a obstrución por un corpo estraño (atragoamento); a reanimación cardiopulmonar de alta calidade, ou o uso do desfibrilador dunha maneira eficaz e segura.
 
Aberto a todo o mundo, a actividade foi gratuíta para aquelas persoas que se viron afectadas laboralmente pola COVID-19 (cese de actividade autónoma, regularización de emprego (ERTE) ou despido motivado pola mesma situación entre o 18 de marzo e a finalización do estado de alarma).