As mulleres da Asociación María del Mar Becerra poñen as súas máquinas de coser a funcionar para confeccionar mascarillas

«Porque toda axuda é pouca», as socias da Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra puxeron a funcionar as súas máquinas de coser para elaborar mascarillas de protección contra o coronavirus. Charo Guerra, da asociación, explica que queren axudar así nesta difícil situación, e que será o Concello de Valdoviño o encargado de recepcionar o material para o seu posterior reparto entre os servizos sociosanitarios.
 
Con retais e fío, as mulleres da entidade están a elaborar as mascarillas para logo plastificalas. Tamén colaboran con elas otras mulleres pertencentes ao movemento asociativo local como a AVV de Sequeiro e animan a todo o mundo que dispoña de medios na casa e teña algo de coñecemento a sumarse á iniciativa. Así mesmo, o Concello comprométese tamén a facilitar os materiais precisos para facer as mascarillas a aquelas persoas que os precisen. Para iso, o Concello pon a disposición de todas elas o teléfono 695 096 198.
 
Sen dúbida, unha mostra máis de que todos e todas podemos poñer o noso gran de area para superar esta situación.  
 
Doutra banda, a asociación lembra que decidiron aplazar ata novo aviso a IV Xuntanza de Palilleiras e Multilabores prevista inicialmente para o mes de xuño.