O Concello tramita as axudas para a obtención dos carnés de conducir de clase B e C

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Servizos Sociais, tramita as axudas convocadas pola Dirección Xeral de Xuventude para a obtención dos carnés de conducir de clase B e C. Enfocadas a mozos e mozas, o obxectivo das subvencións é mellorar a autonomía, mobilidade e empregabilidade da xente moza. A axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B e de 650 euros para o de clase C. Importes acumulativos no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de ambos permisos.
 
Como requisitos, as persoas que opten ás axudas deberán ter cumpridos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso de clase C; estar empadroadas en Galicia cunha antigüidade mínima dun ano, na data de presentación da solicitude; estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade galega, na data de presentación da solicitude, e estar matriculadas nunha autoescola de Galicia tamén no momento de presentar a solicitude ou ben ter o/s permiso/s para o/s cales se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2020 e a data de presentación da solicitude.
 
O prazo está aberto ata o 31 de xullo, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito dispoñible. Aprobada a axuda, a Xunta realizará un anticipo de pagamento do 80% ás persoas que, unha vez notificada a resolución de concesión, o soliciten expresamente. 
 
Máis información, no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 extensión 5).