Adxudicadas as obras de construción do aparcadoiro, campo de fútbol de herba artificial e mellora de viais en Meirás

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da aprobación en Xunta de Goberno Local da adxudicación definitiva das obras de construción do aparcadoiro disuasorio na contorna do campo de fútbol de Meirás nos terreos cedidos polos veciños da parroquia, así como nos viais municipais. Unha intervención que tamén contempla traballos de reordenación e mellora da accesibilidade ás praias de Punta Frouxeira e a construción dun campo de fútbol de herba artificial anexo ao terreo de xogo actual. Será a empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA a que se encargue de levar a cabo esta ambiciosa intervención, cun investimento de 316.703,11 euros, que financiarán conxuntamente Deputación e Concello. O prazo de execución é de seis meses.
 
Na actualidade os accesos ás praias da zona de Punta Frouxeira colápsanse por mor da presenza continua e constante de vehículos sen organización que, á súa vez, dificultan o uso e desfrute deste espazo natural e da zona de ocio contigua ao campo de fútbol de Meirás. Coas obras previstas, o alcalde sinala que o Concello busca ordear e mellorar a accesibilidade aos espazos naturais conformados polas praias de Mourillá, Frouxeira e O Portiño, actuando sobre os camiños municipais existentes no entorno do equipamento do campo de fútbol. Tamén, dotar a este entorno dunha zona de aparcamento disuasorio que favoreza o equilibrio e mellor uso da zona, reorganizando o espazo de estacionamento existente nos arredores do campo de Meirás. E, finalmente, acondicionar o espazo anexo existente como unha zona de ocio para a práctica de actividades e deportes relacionados coa natureza.
 
Trátase deste xeito de facilitar o acceso aos areais e á zona de ocio impedindo a invasión do dominio público marítimo terrestre por parte dos vehículos e organizar o tránsito peatonal.
En base a isto, prevese a construción de beirarrúas perimetrais de dimensións suficientes para o tránsito de peóns, sen obviar a aqueles con mobilidade reducida. Tamén a pavimentación dos viais, diferenciando a zona de estacionamento, habilitar pasos de peóns a nivel e prazas de estacionamento para persoas con diversidade funcional. Así mesmo, acondicionarase o actual campo da festa como un espazo multiocio para a práctica de actividades ao aire libre. Precisamente, nesta zona situarase unha instalación multideportiva de céspede sintético cunhas dimensións de 94x57 metros e sistema de rego.