Valdoviño reivindica o surf para consolidar a costa galega como principal destino turístico sostible

«Consolidar o noso territorio como principal destino turístico sostible, favorecendo o desenvolvemento económico e social e sobre a base do respeto polo medio ambiente é un dos obxectivos que está a buscar nos últimos anos o Concello de Valdoviño», consciente, tal e como sinalou esta mañá o alcalde, Alberto González, de que «o noso patrimonio litoral é o mellor polígono industrial do municipio». Nese traballo se enmarcan as I Xornadas Surf e Desenvolvemento Sostible organizadas polo Concello co apoio da Deputación provincial da Coruña e a Xunta de Galicia. Inaugurábanse esta mañá nas instalacións da Casa da Cultura, sede á súa vez do Océano Surf Museo, o único en toda España. E ao acto acudía o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira Varela; a xefa de servizo provincial da Axencia de Turismo de Galicia en Coruña, Camino Triguero, e os presidentes da Federación Galega de Surf e da Federación Española de Surfing, Román Díez e Carlos Díaz, respectivamente.
 
Medio ambiente, consciencia, sostenibilidade, turismo, surf e oportunidade foron as palabras máis repetidas nas súas intervencións. Así, Xosé Regueira destacou o compromiso e sensibilidade do surf cara a preservación do medio ambiente, situando o respeto pola natureza na primeira liña do seu discurso. De aí, a aposta da Deputación polo surf como reclamo turístico consciente e sostible, cun enorme potencial para abrir novas liñas de negocio que creen emprego e fomenten o benestar social. Unha oportunidade única de desenvolvemento económico para a nosa provincia.
 
Pola súa banda, Camino Triguero puxo en valor a costa galega como destino principal de turismo activo e subliñou a aposta da Administración galega por medrar nesta dirección, fundamentando esa positiva evolución na preservación do medio.
 
Román Díez e Juan Carlos Díaz coincidiron en reivindicar a labor que neste senso levan realizando nos últimos anos as súas respectivas federacións en materia de sostenibilidade, situando o compromiso co medio –intrínseco ao surf- no centro das súas axendas de traballo. Unha labor que, no caso da Federación Española, se traduce en 800.000 persoas ao ano receptoras de formación, especialmente a través das escolas de surf. Destacaron tamén que a nosa é a única rexión costeira de praias de toda Europa todavía virxe, un valor incalculable compatible co obxectivo común de convertir o noso litoral nunha auténtica cancha deportiva.
 
A XORNADA
O acto de inauguración veu precedido das primeiras ponencias, que arrancaban ás 10 horas da man de Tony Butt, de Save the Waves. A súa intervención estivo centrada no efecto dos plásticos no medio, definindo o problema e planteando unha única solución que pasa, asegurou, por poñerlle freo á súa produción. Unha producción que, no 2017, alcanzou os 400 millóns de toneladas e que sitúa a cifra total de plásticos no planeta na actualidade en máis de 8.000 millóns de toneladas. E é que o plástico non se degrada e a porcentaxe reciclable é máis que mínima, en contra do que popularmente se cre. De aí, as desgarradoras esceas de costas, mares e ríos inundados de toneladas e toneladas de lixo. Unhas imaxes que, de seguir nesta liña, non serán alleas no noso litoral.
 
Ao remate da súa intervención, Vicente Irisarri, cofundador do Océano Surf Club e impulsor do Océano Surf Museo de Valdoviño, e Juanjo González, de Alianza Surf y Naturaleza, presentaron o proxecto “Galicia Surfing Sostenible”.
 
Seguiulles no estrado David Blanco, de Surf and Clean, para abordar as boas prácticas ambientais para os negocios de turismo e surf.
 
Así mesmo, e baixo o título «Campionatos de surf e reducción do seu impacto ambiental: o caso do Pantín Classic », o Club Praia de Pantín expuxo as claves que lles permitiron reciclar ata nun 93% os residuos xerados no transcurso do evento, principalmente desterrando o plástico.
 
A recta final da xornada pola mañá pechouse coas intervencións do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira Varela, e do xerente da Mancomunidade, Luis Alcalá.
 
O primeiro abordou o Surf como elemento de desenvolvemento local, centrando a súa intervención no proceso de candidatura da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf (WSR). Unha oportunidade única de desenvolvemento sostible do turismo de surf nesta rexión, xa que esta figura de protección valoriza o territorio como destino turístico de surf, ademais de supoñer un desenvolvemento económico derivado das sinerxias resultantes do aproveitamento dos recursos naturais co incipiente tecido empresarial sectorial do surf.
 
Pola súa banda, Luis Alcalá remontouse ao ano 2014 para lembrar que foi neste momento cando a Mancomunidade, tras unha consulta ás empresas do territorio, decidiu apostar polo turismo slow, convertindo o noso territorio en referente a través de accións pioneiras. Ao ano seguinte, e coa mesma metodoloxía, viría a aposta polo turismo de surf, que se concretou na marca Costa das Ondas. Un e outro produto turístico, baixo o paraugas do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. Unha liña de actuación que está a abrir novas portas, como a promoción do camiño a Santo André –precisamente, Alcalá avanzou este sábado en Cedeira unha xornada sobre este proxecto-.
 
ESTA TARDE
As xornadas Surf e Desenvolvemento Sostible continuarán esta tarde ás 16 h, coa presentación do documental «Caminando sobre las olas», de Surf Channel e TVE. Ás 16,30 horas, tomará a palabra Angel Lobo, presidente da Federación canaria de Surf, que falará sobre a protección das olas como recurso natural, económico e deportivo. Baixo o título «Surf e capacidade de carga en praias e destinos» abrirase de seguido un debate-coloquio. Por último, o primeiro día destas xornadas pecharase coa proxección do filme Artifishal- O camiño para a extinción está pavimentado de boas intencións.
 
E MAÑÁ…
A xornada do venres 29 de novembro arrancará ás 9,30 horas coa exposición de diversos casos de éxito exportables ao territorio. Serán Asturias (Mar González Iglesias, do municipio de Castrillón, abordará a participación pública nun evento de surf. Festival de surf en Salinas); Cantabria (Luis Cayón, xerente do plan del surf de Ribamontán al Mar, falará sobre surf a toda costa, primeiro produto turístico do surf en España); Euskadi («Estratexia intelixente e sectorial, fomento de Donosti: O impulso da industria do surf nun territorio» no que profundizará Ruth Jorde, representante do municipio); Canarias (Miguel Ángel Rodríguez Martínez, secretario xeral do Cabildo de Fuerteventura, que abordará a ordenación do surf como actividade de turismo activo), e de novo Euskadi (María Teresa Fernández García, do municipio de Sopela, concluirá coas ponencias baixo o título: «Sopela Kosta Fest, deporte, festa e oportunidade de desenvolvemento económico»).
 
Tras unha pausa de media hora para o café, a xornada continuará ás 12,30 h cun coloquio sobre a ordenación de usos das praias.
 
A clausura, a cargo do alcalde de Valdoviño, virá precedida da presentación da Rede de Villas do Surf (13 h).
 
+INFO, en http://xornadasurf.com/