O Concello de Valdoviño organiza as I Xornadas Surf e Desenvolvemento Sostible

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou esta mañá a celebración no municipio das I Xornadas Surf e Desenvolvemento Sostible, que terán lugar o xoves 28 e o venres 29 de novembro no Océano Surf Museo. Segundo explicou, con elas búscase crear unha canle de diálogo entre as entidades que, tanto no concello como na bisbarra, desenvolven a súa actividade económica en torno ao produto de surf, e o seu obxectivo fundamental é mellorar a competitivade do sector no territorio. Para iso, nas xornadas daranse a coñecer iniciativas xa consolidadas e de boas prácticas en comunidades como Asturias, Cantabria, Euskadi ou Canarias, e reflexionarase sobre o desenvolvemento dunha industria que debe ter en conta a conservación do medioambiente, o respeto pola cultura do surf, o desenvolvemento económico e social da poboación local, a innovación e a profesionalización das empresas creadas ao abeiro deste produto. A participación nas mesmas é de balde, pero requírese de inscrición previa no correo oceanosurfmuseo@gmail.com.
 
Celebraranse en horario de mañá e tarde e incluirán conferencias, coloquios e sesións de cine. Arrancarán o xoves 28 ás 10 horas con ponencias cun marcado carácter medio ambiental, de media hora, e a cargo de Tony Butt, de Save the Waves, que disertará sobre o efecto dos plásticos no medio;  Vicente Irisarri e Juanjo González, que presentarán o proxecto “Galicia Surfing Sostible”, e David Blanco, de Surf and Clean, que falará das boas prácticas ambientais para os negocios de turismo e surf. Ao seu remate, celebrarase o acto de inauguración oficial, presidido polo alcalde de Valdoviño e con representación de Xunta, Deputación e Federación Española de Surf.
 
Regresarán as conferencias a partir das 12,30 horas, coa intervención do deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira Varela, centrada no surf como elemento de desenvolvemento local. Seguiralle a exposición da organización do Pantín Classic e da Mancomunidade, sobre a marca Costa das Ondas.
 
Trala pausa para o xantar, as xornadas retomaranse ás 16,30 horas, coa participación de representantes de Euskadi, que abordarán o impacto económico da industria do surf no territorio, e ás 17 horas, coloquio sobre o surf e a capacidade de carga en praias e destinos con Angel Lobo, presidente da Federación canaria de Surf; Juanjo González, de Alianza y Naturaleza, e Alberto González, rexidor de Valdoviño. O primeiro día destas xornadas pecharase coa proxección do filme Artifishal- O camiño para a extinción está pavimentado de boas intencións.
 
A xornada do venres 29 de novembro arrancará ás 9,30 horas coa exposición de diversos casos de éxito exportables ao territorio. Serán Euskadi (Ordeación dos usos das praias, a creación dunha plataforma de reserva para as escolas de surf en Zarautz, e o caso de Sopela, no que profundizará María Teresa Fernández García, representante do municipio); Asturias (Mar González Iglesias, do municipio de Castrillón, abordará a participación pública nun evento de surf. Festival de surf en Salinas); Cantabria (Luis Cayón, xerente do plan del surf de Ribamontán al Mar, falará sobre surf a toda costa, primeiro produto turístico do surf en España); Canarias (Angel Lobo disertará sobre a protección das olas como recurso natural, económico e deportivo, e Miguel Ángel Rodríguez Martínez, secretario xeral do Cabildo de Fuerteventura, que abordará a ordenación do surf como actividade de turismo activo).
 
A xornada continuará cun coloquio sobre a ordenación de usos das praias, no que tomarán parte Jesús Busto, do Oceano Surf Club, e representantes das escolas de surf locais Alawa Surf Camp e Pantín Surf Camp, así como o representante da Federación Española de Surfing, Nacho García Mera.
 
E, xa en horario de tarde, a partir das 16 horas, sesión de cine e posterior charla coloquio baixo o título “A industria cinematográfica do surf, outra oportunidade de desenvolvemento profesional no entorno do surf”.
 
A clausura virá precedida da presentación da Rede Villas do Surf.