Proxección do filme “The Way” este venres no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño

O auditorio da Casa da Cultura acollerá este venres 11 de outubro a proxección da película The Way, centrada no Camiño de Santiago. O pase terá lugar ás 20,30 horas, con entrada libre e de balde ata completar as 180 prazas de aforo.
 
A iniciativa inclúese no proxecto municipal «Dende os Camiños de Peregrinación ata o Xacobeo», deseñado polo Concello e cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco do programa «O Teu Xacobeo». E, con el, Xunta e Concello danse a man para dar a coñecer a especial vinculación que, ao longo da historia, mantiveron e manteñen o Camiño de Santiago e o Camiño a Santo André, tamén coñecido como camiño francés a Teixido.
 
«The Way» aborda a historia de Tom Avery (personaxe interpretado por Martin Sheen) que representa a un oftalmólogo de renome que recibe a noticia da morte do seu fillo Daniel nos Pirineos. Cando Tom se despraza ata o lugar para preparar o enterro, descobre que Daniel estaba a realizar o Camiño de Santiago e decide entón completar a ruta que o seu fillo non puido facer. No cine fórum posterior á película debatirase acerca de como a película incitou a moitos estadounidenses a facer o camiño e das vivencias que os participantes nas visitas programadas sacaron en relación ao camiño.
 
Charla
O programa continuará a vindeira semana. Así, o martes 15 de outubro, e no mesmo escenario, o arqueólogo Ángel Concheiro Coello impartirá a charla «Camiños de peregrinación ao longo da historia: camiño de Santo André, Camiño a Teixido e Camiño de Santiago. Recoñecemento social da poboación local”.