O Concello reedita a Volta ás Forcadas

O Concello de Valdoviño celebrará o vindeiro 22 de setembro a cuarta edición da Volta ás Forcadas. Así, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que as persoas interesadas en anotarse poden formalizar a inscrición na web www.galitiming.com ata o día 19, incluído. O prezo para as categorías sénior é de 4 euros, namentras que para o resto é gratuíta.
 
Trátase dunha cita deportiva coa que crear e fomentar hábitos de vida saudable entre a veciñanza, abandoando o sedentarismo e ofrecendo a posibilidade de ocupar de forma saudable o seu tempo de ocio. Un obxectivo que pasa porque a actividade física en nenos e en familia sexa un elemento fundamental das persoas. De aí esta carreira, onde o importante non son os resultados, senón a participación.
 
A carreira arrancará ás 11 horas e o punto de partida é a igrexa de San Pedro de Loira. Permitirá aos participantes descubrir un entorno natural único como é o encoro das Forcadas, considerado xa o segundo mar do municipio.
 
Nela poderán participar nenos e maiores e, segundo a idade, estas son as categorías, con distancias adaptadas a estas: Pitufos (2014 e posteriores): 100 metros; Prebenxamín (2012-2013): 100 metros; Benxamín (2010-2011): 800 metros; Alevín (2008-2009): 1.200 metros; Infantil (2006-2007): 1.200 metros, Cadete (2002-2005): 2.500 metros; Sénior (1985-2001): 7.800 metros, e Veteranos A (1968-1984): 7.800 metros, e Veteranos B (1967 e anteriores): 7.800 metros. En todo caso, a saída irase realizando de forma escalonada entre as 11 e as 11,30 horas.
 
Por último, sinalar que haberá avituallamiento para todos os participantes, así como que terán á súa disposición duchas nas instalacións do pantalán das Forcadas.