Arrancan os traballos previos á execución da senda peonil e ciclista entre a lagoa da Frouxeira e Meirás

A empresa Estudio Técnico Galego, adxudicataria do contrato, vén de notificar ao Concello de Valdoviño o inicio dos traballos previos de cara ás expropiacións contempladas para a construción da senda peonil e ciclista entre a lagoa da Frouxeira e Meirás. Así mesmo, dende o Concello quérese aclarar que as supostas follas informativas que apareceron estes días en domicilios da zona, tal e como lles trasladaron veciños e veciñas, non proceden nin da Administración local nin da empresa adxudicataria, descoñecéndose a día de hoxe a súa autoría. Aclara tamén que calquer notificación ou comunicación oficial trasladarase polos medios habituais e deixando patente que proceden do Concello.
 
O proxecto conta cun orzamento duns 865.000 euros que financiará a Xunta de Galicia. Un proxecto planteado polo Concello en 2016 para conectar a zona litoral e que, dende ese tempo, sufriu diversas modificacións para dar cabida ás demandas e propostas trasladadas pola propia Administración local.
 
O itinerario peonil, seguro e accesible, construirase na estrada AC 116 entre o p.q. 6+500 e o 10+400. A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, no municipio de Valdoviño, o que permitirá a conexión peonil ao longo de toda a estrada AC-116. Executarase unha senda pola marxe dereita da estrada que sumará 3,2 km, o que permitirá completar un itinerario peonil continuo entre as travesías do Cruceiro, no concello de Narón, e Lago, situado no de Valdoviño. Desde este punto a AC-116 ten xa beirarrúas ata o seu final, polo que coas sendas previstas quedará conectado o paseo da lagoa de Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.
 
 
Ademais, reformarase a intersección existente no acceso á lagoa da Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para virar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil. Os vehículos poderán xirar na glorieta existente a 300 metros, no p.q. 12+360. A obra compleméntase coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.