O Concello abre a inscrición na VI Andada Nocturna “Ata San Mamede”

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, abrirá o próximo luns, 15 de xullo, o prazo de inscrición na VI Andada Nocturna «Ata San Mamede». Celebrarase o vindeiro venres 26 de xullo e inclúese no programa municipal «Escenarios Paralelos». As persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na Casa da Cultura, no teléfono 981 48 76 66 ou enderezo electrónico cultura@concellodevaldovino.com. O prazo rematará o día 21 de xullo.
 
A andada terá como punto de partida o parque da praia da Frouxeira, ás 22 horas, e destino a igrexa de San Mamede. Alí, no campo da festa e sobre as 23 h, a compañía de Pablo Méndez ofrecerá ao público o seu espectáculo de novo circo «Quimera», incluído na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña. En todo caso, para disfrutar deste non é preciso inscrición previa (tan só se se quere participar na andaina).
 
 
«Quimera» é un espectáculo inspirado nunha visión máxica da natureza, onde os soños e a mitoloxía se entrelazan. Calquera ilusión, produto da psique, por improbable que pareza pódese tornar realidade. Mediante unha linguaxe visual e acrobática esta viaxe fantástica estimula a imaxinación do público ata o final.
 
 
Integran o elenco artístico: Tatiana Fontenla García, Iván Couso Campos, Fátima Carbia Lorenzo, David Burgos Ruibal, Carolina Ramil Sanders, Felipe Catalán Arufe e Alejandra Balboa Rodríguez