Declaración institucional sobre el Pantín Classic coma patrimonio de Valdoviño

O Pantín Classic é máis que unha proba deportiva, máis que un campionato de surf: é PATRIMONIO de todos os veciños e veciñas de Valdoviño, e en especial dos de Pantín, quenes coa súa xenerosidade e traballo fixeron posible desde hai 32 anos a súa celebración.
 
O Pantín Classic nacía do soño dun grupo de homes e mulleres apaixonados do surf cando en España, e moito menos en Galicia, non era un deporte de masas como o é hoxe en día. O seu emprazamento nin moito menos foi casual. Viron en Pantín un areal único para a súa práctica os 365 días do ano. As ondas, pois, nunca fallaron e de aí o apelativo posterior da nosa praia como a «fábrica das ondas». A competición, grazas ao traballo incansable dos seus promotores e a súa procura continua de apoios en veciños, administracións, entidades e empresas, rapidamente fíxose un nome e un oco no calendario estatal contribuíndo de forma primordial á difusión da cultura do surf na nosa comunidade e, por tanto, á súa práctica. A partir de aí chegaron intentos para a posta en marcha de novas probas en areais da comarca que non frutificaron. Porque Pantín só hai un.
 
Ao longo do tempo, os veciños e veciñas de Pantín implicáronse como ninguén para facer posible a celebración da competición. Humana e materialmente, traballando de xeito conxunto coa organización e axudando en todo o que lles é posible, cedendo os seus terreos, soportando as molestias que conleva no día a día a afluencia de centos de miles de visitantes a un territorio tranquilo... Sempre mostraron unha actitude colaborativa e xenerosa porque fronte á súa comodidade viron no Pantín Classic unha oportunidade única para a promoción e crecemento non só da parroquia senón do conxunto do concello. A eles sumáronse desde o principio traballadores municipais, grupos políticos, asociacións e representantes municipais. A eles sumouse o compromiso das empresas locais, patrocinadores e administracións, que apoiaron a cita económica e persoalmente. A suma de vontades levou ao Pantín Classic a transcender o ámbito deportivo para converterse nun factor de crecemento económico e turístico do noso Concello. E, en 2017, a Xunta declaraba a cita como Festa de Interese Turístico de Galicia.
 
Dito o cal, os intereses particulares, políticos ou o afán de crecemento económico persoal non ten cabida no Pantín Classic porque traizoa en si mesmo a súa orixe, o seu desenvolvemento e a identidade propia do evento. O Pantín Classic é patrimonio de Pantín. É patrimonio de Valdoviño e, nunca, será propiedade dunha ou doutra empresa que busque nel tan só beneficio económico.
 
O investimento que ao longo dos anos realizaron en Pantín as diferentes administracións desde o ámbito local ata o estatal- non pode ser utilizada hoxe en día, unha vez consolidado o evento, para o interese particular.
 
Nos últimos meses, a empresa organizadora do Pantín Classic ignorou en presentacións e actos públicos a marca orixinal, ademais de xerar dúbidas sobre o futuro da cita tal e como se concibiu desde o seu nacemento. Feitos que o Concello non pode nin quere ignorar e por iso é polo que presenta para a súa aprobación a seguinte DECLARACIÓN INSTITUCIONAL:
 

  1. O Concello reafirma e reforza o seu apoio ao Pantín Classic como patrimonio de todos os veciños e veciñas de Valdoviño porque o Pantín Classic é Valdoviño e Valdoviño é Pantín Classic.
  2. O Concello rexeita calquera cambio de denominación da cita, así coma o uso de calquera mención á historia do mesmo o das súas 31 edicións anteriores para xustificar calquera outro novo evento que non sexa o Pantín Classic.
  3. O Concello rexeita calquera cambio de escenario da cita, considerando que se a organización ve necesario ampliar o espazo, Valdoviño conta cun amplo número de areais para facer fronte a calquera eventualidade durante o campionato, coma xa ten sucedido.
  4. O Concello esixe e reivindica, en representación de todos os seus veciños e veciñas, propietarios/as da praia, a presenza do escudo municipal nun espazo preferente e en idénticas condicións e características, xunto cos anagramas das demais administracións implicadas, en calquera comunicación ou publicidade vinculada ao Pantín Classic, así coma a presenza institucional en actos públicos de promoción do evento e no desenvolvemento mesmo da competición.

 
En Valdoviño, a 20 de maio de 2019.
O Alcalde,
Alberto González Fernández