Luz verde á senda peonil e ciclista que conectará a Frouxeira con Lago e Meirás

Valdoviño contará cunha senda peonil que unirá, ao longo de 3,2 quilómetros, a lagoa da Frouxeira con Lago e Meirás. O alcalde, Alberto González, informou de que a Xunta daba onte luz verde ao proxecto planteado polo Concello xa en 2016 para conectar a zona litoral e que, dende ese tempo, sufriu diversas modificacións para dar cabida ás demandas e propostas trasladadas polo propio Concello. Así, o Consello da Xunta autorizaba onte o proxecto de decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución do itinerario peonil e ciclista na estrada AC-116, entre O Cruceiro e Lago, ao seu paso polos concellos de Narón e Valdoviño.

O Executivo autonómico, que prevé un investimento duns 865.000 euros neste proxecto, incluíndo o orzamento para as expropiacións, ten previsto licitar as obras nas vindeiras semanas.

O Decreto de utilidade pública comprende as expropiacións dos 53 medios necesarios para a execución dun itinerario peonil seguro e accesible nesta estrada, entre o p.q. 6+500 e o 10+400.

A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, no municipio de Valdoviño, o que permitirá a conexión peonil ao longo de toda a estrada AC-116.

Executarase unha senda pola marxe dereita da estrada que sumará 3,2 km, o que permitirá completar un itinerario peonil continuo entre as travesías do Cruceiro, no concello de Narón, e Lago, situado no de Valdoviño.

Desde este punto a AC-116 ten xa beirarrúas ata o seu final, polo que coas sendas previstas quedará conectado o paseo da lagoa de Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Ademais, reformarase a intersección existente no acceso á lagoa da Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para virar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil. Os vehículos poderán xirar na glorieta existente a 300 metros, no p.q. 12+360.

A obra compleméntase coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.