O Concello procedeu ao acondicionamento de 34 marquesinas e á instalación de catro novas

O concelleiro de Servizos, Benito Vega, informou de que o Concello procedeu ao acondicionamento de 34 marquesinas e á instalación doutras catro novas –dúas en Taraza, unha en Vilarrube e outra na estrada ao Faro de Punta Frouxeira- neste mandato. Un balance que contrasta co dos catro anos anteriores, cando tan só se instalou unha marquesina e se reparou outra. Ao respecto, o edil tamén sinalou que o Concello tenta dar respostas a todas as necesidades e que continuará nesta liña. Engadiu que ata o momento primáronse as intervencións de arranxo naquelas infraestruturas que máis sofren as consecuencias do vento. Doutra banda, pero sen saír do mesmo departamento municipal, Benito Vega apuntou que nestes últimos tres anos e medio o Concello realizou traballos de reparación dun total de 114 colectores do lixo de gran capacidade e doutros 22 máis pequenos.