Adrián Orjales Vidal, do Club Arco A Frouxeira, campión de España de Arco Adaptado 2019 establecendo un novo récord na modalidade

Adrián Orjales Vidal, do Club Arco A Frouxeira, vense de proclamar campión de España de Arco Adaptado 2019, establecendo un novo récord estatal na modalidade. O alcalde, Alberto González, quixo felicitar a este auténtico campión valdoviñés, un auténtico exemplo e orgullo para o seu municipio, así como ao seu adestrador, Anxo Grandal García, e ao seu guía José Teijeiro, cos que forma un equipo gañador.

O arqueiro acadaba a súa xesta a pasada fin de semana en Lugo de Llanera, Asturias, a onde acudía xunto ao seu adestrador e o seu guía. Participaba na categoría de Invidentes V2/3 e, xa dende os primeiros momentos das series de quecemento, deixaba entrever que as súas sensacións na liña de tiro eran moi positivas. Tal era así, que na primeira serie marcaba uns excelentes 248 puntos, namentras que na segunda serie marcaba 246, cun total de 494 puntos, ao que á postre sería un novo récord de España na modalidade.

Culminaba así unha gran fin de semana, xa que o arqueiro junior do Club Arco A Frouxeira, chegaba a Asturias procedente de Madrid, onde participara no 1º Clasificatorio da Selección Nacional Absoluta de Arco Adaptado. E todo isto, cando en menos de catro días tiña que variar o seu modo de adestramento, dado que no clasificatorio se tira a unha distancia de 30 metros ao Aire Libre e en Sala se tira a 18 metros de distancia.

Pese a ese inconvinte, Adrián demostrou que segue en progresión cara o seu próximo obxectivo, que non é outro que formar parte do Equipo Nacional de cara a participar no Campionato do Mundo de Arco Adaptado que se celebrará do 3 ao 9 de xuño na localidade de S´Hertogenbosch, (Holanda). Pero para conseguilo, terá que disputar o 2º clasificatorio a fin de semana do 15 ao 17 de febreiro e do 15 ao 17 de marzo, disputará o 3º clasificatorio, en xornadas de competición de mañá e tarde.