Arranca o obradoiro de graffiti guiado pola ilustradora NANA para crear un mural urbano sobre o surf no paseo da Frouxeira

O obradoiro de graffiti organizado polo Concello de Valdoviño e guiado pola ilustradora, educadora artística e artista mural NANA arrancaba esta mañá no paseo da Frouxeira. Un taller no que están a participar rapaces e rapazas a partir de 12 anos e que continuará mañá venres cun obxectivo: formar ós mozos e mozas nesta técnica e, tamén, crear un mural urbano sobre o surf. Precisamente, a actividade inclúese nos actos organizados pola Concellería de Cultura para conmemorar o primeiro aniversario do Océano Surf Museo, o primeiro de España adicado a este deporte.
 
O mural está a coller forma xa no inmoble que alberga os aseos do paseo da Frouxeira. Unhas instalacións que, recurrentemente, son obxecto de pintadas e que agora preténdese que pasen a ser un escaparate do talento creativo dos rapaces e rapazas que se sumaron á iniciativa.
 
O obradoiro continuará mañá venres, de 12 a 14 e de 15 a 19 horas, momento no que se prevé que veciños e veciñas poidan ver xa o resultado.
 
NANA, técnica en xoeiría artística e en ilustración, iníciase en 2006 no graffiti e o arte urbano, realizando intervencións na rúa e espazos abandoados. A partir da súa experiencia no espazo público decide realizar os seus estudos de ilustración na EASD Pablo Picasso, onde recibe unha bolsa Leonardo Da Vinci para estudar en Londres, desenvolvendo alí o seu traballo en ilustración publicitaria. Hoxe en día acumula unha extensa traxectoria en festivais de arte urbano, eventos e exhibicións tales como o Desordes Creativas, Mad Poster Art, San Fest, Derrubando Muros con Pintura, Violencia Zero, Elas Tamén Pintan, Vigo Ciudad de Color o Loures Arte Pública onde realiza numerosos murais de gran formato. O seu estilo colorista e orgánico fai que a súa obra cunha mensaxe claramente feminista sexa persoal e inconfundible.