O pavillón do Longoiro acollerá este mércores a primeira edición do AllStar Game de básket a favor da ONGd “¿Por Qué no?”

O pavillón municipal do Longoiro albergará este mércores, de 20 a 23 horas, o primeiro “ALLSTAR GAME” de baloncesto a favor da ONGd “¿Por Qué No?”. Organizado pola entidade a partir dunha proposta de Nicolás Sánchez Núñez, veciño do municipio e moi implicado en causas sociais, conta coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Valdoviño.
 
Están confirmados uns 40 colaboradores da ONGd para, emulando os ALLSTAR de la NBA, xogar un partido de baloncesto, precedido dun concurso de triples. A temática será dos anos 80 e anos 90 e as equipacións irán na mesma liña. A maiores, levaranse a cabo as seguintes actividades: designación do mellor xogador, designación da mellor caracterización e entrega de premios (MVP, triples e caracterización).
 
Os ingresos deste evento, con entrada libre, irán integramente para a ONGd, que leva a cabo programas de cooperación en Guatemala a nivel educativo, social... Máis concretamente, o recadado a través deste “ALLSTAR” destinarase ó proxecto do Fogar Refuxio Aq’ab’al:
 
A casa AQ´AB´AL, (Nawal maia que significa a dualidade, o mencer e o anoitecer, a sombra a luz, por darlle luz ás mulleres que saen das sombras) nace en 2016, froito dunha necesidade sentida no municipio, ante o alto índice de casos de mulleres que sofren violencia machista. Xorde como unha iniciativa para poder apoiar a mulleres sobrevivintes que queren romper co ciclo da violencia nos seus corpos e vidas. A casa é un refuxio temporal para acollelas e tamén ós seus fillos e fillas, nun primeiro momento para poder crear unha estratexia de denuncia e así derivar os casos ás institucións pertinentes.
 
A ONGd ¿Por Qué No? faise cargo do custe de aluguer do fogar anual, así como dos gastos de electricidade, a maiores das donacións de materiales, libros… que se fan chegar a través dos viaxes dos voluntarios.
 
A entrada ó evento deste mércores é gratuíta e o público poderá colaborar coa causa a través do gasto que realice na cantina do pavillón.