Arrancan as obras de mellora da accesibilidade e arranxo dos piares exteriores do centro de saúde

Continúan as obras de mellora e reforma do centro de saúde de Valdoviño impulsadas por Concello e Consellería de Sanidade para ofrecer un mellor servizo e atención á veciñanza. Así, cun orzamento de 54.000 euros, o alcalde, Alberto González, sinala que esta semana arrancaban os traballos para mellorar a accesibilidade exterior do inmoble mediante a construción dunha rampa e dunha plataforma na entrada, de modo que esta esté a partir de entón a nivel coa beirarrúa. Facilitarase así a mobilidade das persoas en cadeira de rodas e con carriños de bebé, pero tamén da poboación en xeral. Tamén se están a realizar traballos de arranxo e afianzamento dos piares do acceso, que sirven de sustento para a cuberta da entrada principal.
 
Así mesmo, no marco deste investimento, procederase á substitución da actual cuberta, que mantén a uralita orixinaria da súa construción, e instalarase unha nova con mellor illamento e evacuación das augas. No seu conxunto, a Consellería de Sanidade investirá uns 40.000 euros e, o Concello, os 14.000 restantes, encargándose tamén da contratación das obras e da dirección das mesmas.
 
Estas intervencións veñen a sumarse ás realizadas durante os últimos meses polo Sergas, como a reforma e ampliación da consulta para a matrona, cunha nova sala para educación maternal ; a reorganización dos espazos no segundo andar, creando unha nova consulta e unha sala de estar para os profesionais sanitarios ; a creación dunha sala de extraccións con catro postos no andar baixo e a reforma do espazo destinado a admisión.