Concello e movemento asociativo celebran a IX Xuntanza Solidaria de Nadal este domingo

Un ano máis, e xa van nove, Concello e entidades veciñais e culturais do municipio unen esforzos na organización da Xuntanza Solidaria de Nadal. Unha cita coa que se busca recadar xoguetes para aquelas familias con menos recursos de Valdoviño. Celebrarase este domingo 16 de decembro, a partir das 16,30 horas, na Casa da Cultura. En lugar de entrada, a veciñanza pode poñer o seu graniño nesta causa solidaria entregando o seu donativo, da cuantía que considere. Pola súa banda, e como é tradición, a cita inclúe unha chocolatada e a visita do apalpador, así como un espectáculo a partir das 18 horas no auditorio. Neste caso, Malasombra Producións presentará «Os Rockensteins». Actividade incluída na Rede Cultural da Deputación.
 
A xuntanza porá punto e final á campaña solidaria de Nadal «Na Caixa de Correo do Nadal… comparte ilusións». A través da mesma, estes días e ata o próximo domingo, todos os nenos e nenas do municipio puideron entregar a súa carta para os Reis Magos, Papá Noel e o Apalpador nunha caixa de correo especial, que está ubicada na Casa da Cultura. O Concello facilitou gratuitamente o modelo de misiva en diferentes espazos municipais como o CPI Atios, a Casa da Cultura e a Casa Consistorial. Na cara principal nenos e nenas deben plasmar os seus desexos, namentras que no reverso o pai, nai ou titor/a legal ten que indicar os seus datos de contacto sempre e cando a familia considere que para este ano é complexa a compra dun agasallo de Nadal para os seus fillos e fillas. Deste xeito, o Concello porase en contacto con estas familias para valorar dita necesidade e entregar o agasallo.
 
Este domingo, recolleranse as doazóns económicas voluntarias. Estas destinaranse á compra dos agasallos solicitados nas cartas para os nenos e nenas que o precisen unha vez valorada a necesidade e o concepto do regalo. Valoración que será realizada polo persoal técnico de Servizos Sociais e garantirá a confidencialidade das familias solicitantes así como a xustiza e igualdade no reparto. Só se repartirá un agasallo por nen@. As asociacións serán as encargadas de comprar os agasallos logo das indicacións recibidas dende o Departamento de Servizos Sociais.
 
Malasombra Producións
 
A compañía presentará a partir das 18 horas, e no marco da xuntanza solidaria, a súa obra «Os Rockensteins». O doutor Rockenstein é un gran profesor, un gran científico, un inventor, pero tamén é un melómano consciente de que a boa música está desaparecendo do planeta. Para remedialo, no seu laboratorio decide crear un ser vivo, unha criatura e convertela nunha verdadeira estrela musical que salve ó mundo da desaparición do Rock´n Roll. E, para iso, mestura na súa máquina de experimentos os ingredientes necesarios para crear unha estrela do rock: Un disco dos Kiss, un póster dos Rolling Stones, un calcetín do guitarrista de ACDC, un rizo de Tina Turner, unha chapa de Rosendo…
 
O experimento resulta ser un éxito aínda maior do que agardaba, pois da súa máquina de experimentos musicais non só sae unha criatura futura estrela do rock: saen tres! Unha criatura masculina e dúas femininas, cuxo nacemento o doutor Rockenstain acolle con entusiasmo e rapidamente empeza a súa ardua tarefa: educar ás futuras estrelas do rock, para que se formen antes como persoas que como rockeiros.
 
Esa educación será a través das nove cancións que compoñen este musical, e no que continuamente se pedirá a participación dos espectadores e espectadoras, teñan a idade que teñan, para que o transcorrer do espectáculo se aproxime á sensación de estar asistindo a un concerto de rock.
 
Por medio desas cancións, ese trío de futuras estrelas do rock aprenderá a importancia de vestirse e asearse, de alimentarse ben, a importancia de aprender cada materia que lles ensinan no colexio , a importancia de saber escoller un oficio, de coñecer o mundo e as xentes tan diferentes que o habitan, e tamén do importante que é aprender a saber coidar dun mesmo cando é necesario.
 
E unha vez rematada a súa formación, e xa preparadas e preparado para ser estrelas do rock, chega o momento de fundar, xunto co doutor, un grupo de rock que non deixará que o mundo quede sen escoitar bo rock´n roll: OS ROCKENSTEIN.